Sería máis coherente que o señor Feijoo (así se chama; por favor, non lle muden o apelido), nos falase de españolismo no canto de galeguismo, palabra ambigua e axeitada polos seus compañeiros (Fraga dixit) para pasar por amadores dunha Galiza cuios dereitos sempre combateron. O españolismo pode ser “cordial, aberto e plural? A filosofía política da dereita, do imperialismo, pode ser, á súa vez, cordial, aberta e plural? Podemos mencionar estas palabras e ao mesmo tempo disparar contra a expresión popular que nos define como galegos e galegas? Cortarlle o pouco osíxeno que se lle dera no ensino e na administración? Como se pode constituír un goberno de Galiza con homes e mulleres que ignoran o seu propio idioma? Que o desprezan e perseguen? O goberno galego está para defender os intereses de Galiza ou os daqueles que teñen como bandeira a ignorancia extrema e o autoodio. O combate contra o idioma propio sediméntase sempre na economía tamén, na cultura dependente, na submisión. Por que os mesmos que o abouran queren que outros de fóra negocien co noso vento? Por que asinaron (foi Fraga quen o fixo, declarando ao mesmo tempo que sabía que esa Europa montada polos ricos ía rematar co noso leite e outras riquezas) a desfeita do noso agro e da nosa pesca, e mesmo dos estaleiros galegos? Un país só se pode someter se os seus habitantes ignoran o valor do seu idioma e cultura; e a historia, claro. Cando morre o orgullo. Porque daquela está capado e vai imitar a quen o esmaga. A ignorancia produce monstros. A práctica non é nova. Mudou, tan só, na forma. Por algo se destrúe agora en nome da liberdade todo o que avanzamos nos últimos anos. Feijoo é un boneco dos seus xefes instalados na Corte e segue a consigna. Sabe perfectamente que ten que españolizar Galiza e cumprir o triste papel do indíxena submiso violando os dereitos colectivos da súa xente. E comeza por montar un goberno analfabeto, ignorante da súa propia lingua e cultura. O PP deu un gravísimo paso que o sepulta no pasado. Mostrou, por fin, a súa verdadeira cara. Porque cando se atreve a vender o seu propio país de forma tan vergoñenta, non cabe máis que a insubmisión. Insubmisión contra a súa submisión.