Redacción . Cando se cumpre o prazo inicial sinalado pola Consellaría de Educación para facer públicos os resultados da enquisa sobre o galego efectuada entre os pais do alumnado non universitario, aínda non se presentaron os datos definitivos. Educación admite que non sabe cando poderá comunicar o resultado.
Cando presentou a enquisa sobre o galego nos centros de ensino, Educación sinalou que tras o último día de prazo para devolverlle á Consellaría a enquisa cuberta, o venres 19 de xuño, en cinco ou dez días se coñecerían os resultados. Hoxe cúmprese a data máxima para dar a coñecer os datos e séguense sen coñecer as preferencias dos pais en materia de idioma. Unha fonte da Consellaría sinalou que non están computados todos os datos “porque o número de respostas foi moi elevado”, pero non ofreceu unha nova data para difundir esta información. Educación asegura que dará a coñecer os resultados cando dispoña deles. Antes, non comunicará nin sequera cifras de participación. Por outra banda, entre os pais de nenos discapacitados psíquicos causou certo malestar incluílos na enquisa. Moitos dos seus fillos teñen dificultades de comunicación e a Consellaría incluíu preguntas relativas ás materias a impartir en inglés, en lugar de realizar un inquérito específico.
.
Descargar Tarifas