Redacción . Unha comisión cidadá está a promover un manifesto a prol do idioma galego, e ao mesmo tempo quere constituírse en grupo promotor para elaborar e presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular en relación coa oficialidade do idioma galego.
Polo momento, a comisión cidadá ten preparado o texto do manifesto ('Galego. Patrimonio da humanidade') pero posteriormente porase a traballar no articulado e organización da iniciativa lexislativa popular. Os interesados en adhetirse ao manifesto, promovido por Antón Baamonde e Manuel Bragado, poden facelo até o 7 de xullo, ás 15.00 horas, enviando o Nome, DNI e profesión ao enderezo electrónico: mbragado@xerais.es. A presentación do manifesto e das adhesións será o venres 10 de xullo no salón da Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa en Vigo, a partir das 12.30 horas.
Rapaces na manifestación no Día das Letras Galegas.
"Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo os períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.
A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.
Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.
A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación".
Descargar Tarifas