Charo López . As embarcacións galegas de Tirán e Samertolameu de Meira –ambas as dúas de Moaña– son as únicas participantes galegas de entre os 12 clubs que conforman a Liga da Asociación de Clubs de Traíñas (ACT). Este sábado dáse a saída a un verán de regatas na cornixa cántabro-atlántica, que chegará até os peiraos de Moaña, O Grove e Pontevedra durante este mes. As traíñas galegas, dentro da elite do remo tradicional, vivirán un novo reto esta tempada entre as embarcacións do máis alto nivel. Esta fin de semana, Bilbao é o punto de partida dun espectáculo deportivo no que case se percorrerán os 1.000 quilómetros que separan Moaña da localidade guipuscoana de Hondarribia.
A estrea será en augas bilbaínas este sábado día 4 ás 18h00 coa celebración da décimo primeira edición da Bandeira Telefónica-Gran Premio Vila de Bilbao. A proba será unha contra reloxo individual de tres millas náuticas (5.556 metros) de percorrido, que contará con catro longos e tres ceavogas. A televisión autonómica vasca retransmitirá a regata en directo, nunha xornada na que se repartirán 22.500 euros en premios. As perspectivas de cara á Liga son un grande reto para as embarcacións galegas, tanto para Samertolomeu, que se estrea esta tempada, como para Tirán, que despois dun descenso en 2004 volveu entrar no último play-off e con ganas de dar guerra. Cómpre ter en conta tamén que os galegos non contan cos mesmos recursos económicos dos que dispoñen algúns dos clubs vascos ou cántabros. Os patrocinios e subvencións danlles a posibilidade a clubs como Astillero ou Castro Urdiales de facer fichaxes importantes e contratos que lles permiten aos deportistas vivir do seu esforzo, de feito algúns dos mellores remeiros galegos rematan emigrando para poder adicarse á competición. Así e todo a entrega, os adestramentos e o bo traballo de equipo conseguen que en todas as edicións da Liga ACT estivese presente sempre algunha traíña galega. A grande ausencia: Cabo da Cruz O club boirense, que estivo en todas as edicións deuse de baixa este ano despois dunha traxectoria cuns resultados moi dignos e incluso grandes vitorias, como o primeiro posto na Bandeira de Hondarribia de 2004 ou os seus postos entre o sexto e o noveno lugar nas clasificacións xerais dos últimos anos. Desde a actual directiva do club falan de motivos coxunturais de plantel para non asumir a responsabilidade de participar esta tempada, mais non descartan unha volta en próximas edicións. A outra traíña que tamén competiu coas estrelas do remo foi Mecos. A embarcación do Grove comezou con moita forza o primeiro ano, cun magnífico segundo posto en 2003 e cuns resultados sempre moi pelexados con Cabo da Cruz, o seu eterno rival. Mecos, tampouco estivo presente na ACT a pasada tempada 2008.
Embarcación de Samertolameu.
A contra reloxo dividirase en tres quendas organizadas segundo os resultados da clasificación xeral final da liga do ano pasado, e cada traíña saíra cun intervalo dun minuto entre cada unha:
• Quenda 1, participarán os últimos clubs ascendidos Kaiku de Sestao e Samertolomeu de Meira e os clasificados en último lugar na tempada 2008.
Embarcacións, por orde de saída:
Arkote
Tirán
Kaiku
Samertolameu
• Quenda 2, participarán as 4 tripulacións que o ano pasado finalizaron na 5ª, 6ª, 7ª e 8ª posición.
Embarcacións:
Zumaia
Hondarribia
Pedreña
Zarautz
• Quenda 3, na que compiten as traíñas que remataron nas catro primeiras posicións:
San Pedro
Orio
Castro Urdiales
Urdaibai
O domingo, día 5, tamén haberá competición, desta volta na vila de Portugalete ás 12h00.
Descargar Tarifas