Redacción . O Goberno central acordou pechar a central nuclear de Garoña en 2013, dous anos despois de que culmine a vida útil da central de 500 megavatios. Ademais, anunciou a creación dun plan industrial para recolocar os traballadores da planta.
"A decisión do Goberno é permitirlle á central nuclear seguir operando até o 2013, ano no que terá lugar o cesamento de actividade da planta", anunciou o ministro de Industria, Miguel Sebastián, nunha rolda de prensa na que tamén estaba presente o titular de Traballo, Celestino Corbacho. A decisión do Executivo supón ampliar catro anos o permiso de operación da central nuclear burgalesa, que vencía este domingo, e que segundo o Executivo central produce máis residuos que o resto das centrais nucleares españolas. Miguel Sebastián pensa que o peche é unha decisión politicamente coherente e non pon en perigo a subministración enerxética estatal. A decisión non agrada nin a traballadores nin a operadores da planta -Iberdrola e Endesa-, que pedían unha renovación de 10 anos. Tampouco satisface aos ecoloxistas, que esixen o peche inmediato. A organización Greenpeace, que bloqueou a central en novembro ao considerar que non era segura, anunciou que recorrerá nos tribunais a decisión de "manter en funcionamento catro anos máis a vella, deteriorada e perigosa central nuclear de Garoña". "Zapatero incumpriu de forma clara o seu compromiso electoral, programático e de investidura de abandonar a enerxía nuclear, e deu un gran paso atrás na consecución dun modelo enerxético sostíbel, baseado ao 100 por cento nas enerxías renovábeis e na eficiencia enerxética", asegurou Greenpeace nun comunicado. Garoña era a primeira das sete centrais nucleares que debe renovar a súa licenza nos próximos dous anos e Zapatero prometera substituílas gradualmente, unha vez alcancen os 40 anos, por fontes de enerxía renovábel.
Miguel Sebastián, ministro de Industria, Turismo e Comercio.
O ministro de Traballo anunciou tamén a creación dun plan industrial para substituír a actividade económica que Garoña xera na zona e ocupar os traballadores da central.
Descargar Tarifas