PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Tras o abandono do BNG
O PSOE de Fene reorganiza o seu goberno

Europa Press O alcalde de Fene, o socialista Iván Puentes, presentou a reestruturación do seu goberno, tras o abandono do BNG da coalición conformada en 2007, e anunciou que afronta a nova etapa en minoría cun 'sentimento de optimismo' e 'ganas desbordantes de cambiar este pobo'.

Reloxo 02.07.2009 | 19:12

Iván Puentes, alcalde de Fene Iván Puentes, alcalde de Fene. AGN

O rexedor fenés, acompañado dos outros seis concelleiros que conforman o grupo municipal socialista, explicou que a nova organización de áreas xa está entregada na secretaría municipal e entrará en vigor nas próximas horas. Iván Pontes aclarou que os grupos municipais da oposición (BNG, PP, IU-EU) xa foran informados previamente.

Na nova estrutura, os concelleiros de goberno manteñen as anteriores responsabilidades, para evitar "freos ou parálises", pero incorporan as competencias que ocupaba con anterioridade o BNG.

Iván Pontes transmitiu un "sentir de optimismo" ante a nova etapa que enfilan os socialistas en Fene, e as súas "ganas desbordantes" e a "vontade decidida" de "acelerar o cambio, a transformación e as medidas comprometidas en 2007". Nas últimas eleccións municipais, o PSOE desbancou os nacionalistas por primeira vez en 27 anos.

"Afrontamos a nova etapa co convencemento de que todos os cambios se producirán en beneficio dos veciños de Fene", asegurou Puentes, que prometeu "traballar o triplo, o cuádruplo ou o quíntuplo que até agora".

O rexedor fenés anunciou a súa vontade de xestionar con "man tendida" e con vontade de "diálogo" coa oposición, formada por cinco concelleiros do BNG, catro do PP e un de Izquierda Unida-Esquerda Unida.

O concelleiro de Obras, Xoán Antonio López Rodríguez, unha das persoas chaves do equipo de Puentes, encargarase a partir de agora da Concellaría de Servizos e Mantemento, unha das que máis discrepancias xerara no seo da coalición, ante a suposta "mala xestión" que lle atribuían os socialistas.

A edil de Deportes e Mocidade, Carme Silvar, encargarase de Educación e Ensino; Rocío Rei, de Participación Cidadá, asumirá Benestar e Igualdade; Juan Manuel Lourido, actual responsábel de Emprego e Persoal, farase cargo de Seguridade Cidadá; e a área de Promoción Económica, que engloba turismo e polígonos industriais, será xestionada por Puentes.

A actual concelleira de Medio Ambiente, Amalia García, responsabilizarase de parte da área de Mantemento, en concreto, a división de xardinería, e Manuel Rodríguez Carballeira, seguirá levando Urbanismo e Facenda.

Orzamentos municipais

A ruptura da coalición produciuse en Fene cos orzamentos municipais de 2009 sen aprobar e practicamente, segundo denunciou o BNG esta semana, sen terse negociado en ningunha ocasión.

No entanto, o alcalde de Fene mostrouse convencido de poder sacar adiante o documento económico de 2009 para que poida aplicarse nos últimos do ano, e asegurou que o obxectivo irrenunciable segue sendo que a un de xaneiro de 2010, entre en vigor o orzamento do próximo ano. A negociación dos dous documentos, realizaríase de forma paralela.

Puentes anunciou que a próxima semana iniciaranse xa os contactos cos distintos grupos municipais, para poder aprobar os orzamentos de 2009 despois do verán. A continuación, xa comezaría a negociación das contas para 2010.

"O PSOE saberá ser xeneroso e pór en práctica esa política de man tendida para favorecer a aprobación dos orzamentos municipais coa maior maioría posíbel", concluíu.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río