Valores gobernado IDEAS e contravalores reinando no Consello de Ministros. O goberno inclinouse por un termo medio que é ben discutíbel que sexa virtuoso. Un dito irlandés espanta dúbidas: "Un chimpo a medias leva á gabia". Ese é o destino ao que, por falta de coraxe política, parece condenado o presidente e o seu partido. A salomónica decisión non lles axudará a recuperar crédito entre o electorado de esquerdas –e volátiles abstencionistas posteriores– que lle deron a vitoria de 2008.
Credibilidade
Camiño do ecuador do seu mandato, José Luis Rodriguez Zapatero cifra os mínimos de credibilidade política. En diálogo con Antoni Gutiérrez-Rubi, Jordi Rodríguez Virgili é contundente: "unha das cuestións nucleares en comunicación política son os conceptos de credibilidade e confianza." E Gutiérrez-Rubi remacha: "A credibilidade é unha das características máis importantes que debe ter un político. A confianza dos cidadáns cara a eles gáñase e pérdese con moita facilidade e, en caso de perderse, resulta moi difícil restabelecela." Hai tempo que o presidente do goberno maltrata tanto a súa credibilidade como o programa electoral que libremente lles ofreceu aos cidadáns.
Do programa electoral do PSOE derívase que Garoña tiña que ser fechada en 2011. Zapatero ten reiterado a súa intención de cumprir coa súa promesa electoral. Non obstante, o ministro de Industria, Miguel Sebastián, ten claro que “a enerxía nuclear é insustituíbel.” Hoxe mesmo en La Vanguardia, Joaquim Sempere facía outras contas: [A enerxía nuclear] é unha herdanza ruinosa para os nosos fillos e netos: cada euro investido hoxe en enerxía eólica produce o mesmo –e sen residuos nin riscos, e indefinidamente– que cada euro investido en enerxía nuclear.”
Confianza
Zapatero cedeu, finalmente, ás presións do lobby pronuclear interno e externo. O goberno regaloulle a Garoña unha prórroga, de entrada, até 2013. Un tempo de graza, malia que é unha central cangada de anos, produtora da metade dos residuos radiactivos do Estado e tan só do 1% da elecricidade producida. Unha ruína en termos ambientais pero un grandísimo negocio para Nuclenor, empresa participada polas benéficas Endesa e Iberdrola.
Johannes Brahms sostiña que a confianza perdida é difícil de recuperar porque a confianza non medra como as unllas. En vindeiras noites electorais Zapatero rillará nas súas minguadas unllas á espera duns ansiados votos que non chegarán. Seguro que non se explicará porque non dan chegado. Alguén terá que dicirlle ao señor presidente que é debido á perda de crédito verde e á prórroga de Garoña, si; pero, sobre todo, que a causa principal é ter desatendido outras dúas cuestións nucleares: a confianza e a credibilidade política.
Descargar Tarifas