Redacción . Este xoves inaugúrase unha exposición histórica de 164 imaxes da etnógrafa e fotógrafa tomadas entre 1924 e 1926, na sede lucense da Fundación Caixa Galicia.
'Ruth Mathilda Anderson. Unha mirada de antano' é o título da exposición que exhibirá, por vez primeira, imaxes da Galiza de comezos do pasado século, inéditas até hoxe, do arquivo da investigadora estadounidense. Os comisarios, Miguel Anxo Seixas Seoane e Patrick Lenaghan, rematan así un traballo que comezou hai case dous anos na sede neoiorquina da Hispanic Society of America, a centenaria institución cultural que enviou a Ruth Mathilda Anderson (1893-1983) a estudar e documentar a sociedade galega da época. Todas as fotografías que conforman esta exposición, que viaxará despois á Coruña, foron tomadas por Ruth Matilda Anderson entre 1924 e 1926, en dúas viaxes case consecutivas que realizou a Galiza, primeiro acompañada do seu pai, o fotógrafo sueco Alfred Anderson, e despois canda outra empregada da HSA, a fotógrafa Frances Spalding. Do total do arquivo (unhas 5.000 imaxes en diferentes soportes e formatos, moitas delas aínda sen revelar ou positivar) até o de agora tan só coñeciamos as perto de 500 fotografías que compoñen Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, o libro editado en 1939 pola HSA. Un meticuloso proceso de documentación e investigación dos comisarios permitiulle á Fundación Caixa Galicia obter información moi valiosa dos diarios do pai da investigadora, así como doutras fontes. O agro, por outra banda, é parte fundamental dos contidos das imaxes, e mesmo a subdivisión de clases: entre os labregos con terra de seu e vacas, os caseiros que levaban en renda, en arrendamento ou parcería un lugar acasarado, unha explotación composta por casa, edificacións de uso agrícola e terras, e, a miúdo, tamén en parcería, o gando vacún, os xornaleiros ou caseteiros, e os grandes propietarios. Nos anos vinte, entre un 60 e un 75 por cento das terras eran explotadas en réxime foral. O proceso de redención dos foros acelerouse en 1926 co decreto do ditador Primo de Rivera, que acababa coa indecisión dos gobernos anteriores. E, como non podía ser doutro xeito, o gando, en auxe coa redención de foros e o repartimento dos montes de varas e dos comunais, é un tema central: ao acelerarse a privatización da terra e a agricultura de pequenos propietarios, aumenta a especialización gandeira, e Galiza pasa de pouco máis dun millón de cabezas en 1891 a tres millóns e medio en 1933, das que tres cuartas partes son gando vacún, seguidas polos porcos, e con menos ovellas e cabras. Como consecuencia directa do anterior, as feiras e mercados son o xeito de que as familias que producen para o autoconsumo vendan os excedentes para mercar outros produtos necesarios. Dous terzos da poboación activa se dedicaban ao agro e á pesca no 1930. Pouco a pouco foise estabelecendo, con data fixa no calendario, unha rede de feiras, ás veces coincidentes con festas relixiosas e romarías, que se foi xerarquizando segundo a súa importancia e especializando en determinados produtos. Tamén existían outros oficios como complemento para a economía doméstica. A vida urbana tamén trouxo consigo a aparición de novos oficios para atender a demanda dos seus habitantes, e coa aparición das fábricas xorde a clase obreira, ao tempo que un sector importante da poboación víase obrigada a emigrar. Estes temas foron tamén recollidos pola cámara de Ruth Mathilda Anderson.
Fotografía tomada por Ruth Mathilda Anderson en 1925
Eixos temáticos
Por unha banda, boa parte das imaxes teñen que ver coa relixión: logo de asentarse o cristianismo en Galiza, a parroquia, baixo a advocación dun santo ou santa coa súa igrexa e cemiterio, deveu na entidade básica de poboación. O tempo dos homes e das mulleres, dende o nacemento até a morte, estaba marcado polo tanguer dunha campá e o ciclo litúrxico anual. Con todo, esa poderosa igrexa acusou os efectos da fracasada desamortización dende o 1836, e moitas das súas propiedades deterioráronse a consecuencia do abandono. Neses anos de grandes e rápidas mudanzas coa desagrarización da poboación, o aumento da urbanización, da industrialización, da laicización e do crecemento do sector terciario, a igrexa seguiu a gobernar en latín e en castelán a vida dos galegos.
Descargar Tarifas