Europa Press . Feixóo viaxará sen blindaxe e só reconsiderará a súa decisión se o servizo de seguridade alerta de 'perigos inminentes'. O presidente da Xunta defende a venda de 23 vehículos de gama alta do parque móbil da Xunta e sostén que 'non vai contra o bipartito'.
Feixóo defendeu a permuta dos tres Audi blindados do parque móbil oficial por un mínimo de 12 vehículos para fins sociais e sinalou que o Citroën C6 no que viaxa actualmente -o mesmo no que se desprazaba o ex vicepresidente nacionalista Anxo Quintana- cumpre coas “necesarias" medidas de seguridade. "Se nalgún momento me avisan de perigos inminentes, recapacitarei", declarou na rolda de prensa posterior ao Consello. Por outra banda, o presidente galego asegurou que a permuta destes tres coches blindados e a poxa doutros 20 vehículos oficiais de alta gama -cuxa alleamento autorizou hoxe o Executivo autonómico- "non vai contra o bipartito" e manifestou a súa "sorpresa" polo rexeitamento que esta medida xera nos grupos da oposición -PSdeG e BNG-. "Tiñan pensado non vender estes 23 vehículos que non se utilizan? Pois eu non", indicou Núñez Feixóo e xustificou a decisión de transferir estes coches oficiais en base á situación de crise económica que vive a comunidade. "Contribuirá a incrementar o aforro", explicou e negou que o Goberno galego vaia adquirir novos coches para "substituír" os que se permuten ou sometan a poxa pública. O presidente autonómico situou este proceso de alleamento nun marco de "eficiencia e austeridade" e resaltou, como xa fixo onte o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, que esta reordenación do parque móbil permitirá reducir nun 25% os gastos do parque móbil oficial en toda a lexislatura, o que suporía un aforro do 1,5 millóns de euros en catro anos. Expedientes de alleamento O proceso de permuta "público e transparente" dos tres Audi blindados arrincará este mes a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). A oferta inicial para o intercambio será de 12 vehículos para fins sociais e Protección Civil, aínda que se negociará" a súa "mellora" coas empresas e entidades interesadas. Mentres, a poxa pública para os 20 automóbiles restantes arrincará en setembro e cada un dos coches venderase "por separado". O prezo de saída global aproxímase a 350.000 euros, segundo a taxación efectuada por unha empresa especializada. O diñeiro obtido tras a poxa tamén se destinará á compra de vehículos para servizos sociais e para a Policía Local.
Reunión do Consello da Xunta.
Descargar Tarifas