H. Vixande . As relacións urbanísticas entre o anterior alcalde Carlos Silva e o construtor Xosé Fajo explican a engrenaxe da moción de censura en Gondomar.
En anteriores mandados da corporación municipal de Gondomar, a cuestión urbanística sempre estivo presente e foi relacionada coas agresións a representantes do BNG por parte de persoas ou grupos con intereses económicos locais. A deterioración do principio de legalidade e a imbricación entre política e obras privadas alcanzara tal grao que entre os veciños tomou corpo a frase irónica: “Ti Silva que eu Fajo”. Aludía ao anterior alcalde, Carlos Silva (PP) e o construtor Xosé Fajo. O Partido Popular de momento non desautorizou a moción de censura. Aínda que o faga, podería reproducirse a situación que se dá no veciño concello de Mos. Nesta localidade, a popular Nidia Arévalo arrebatoulle a alcaldía á socialista María Xesús Escudero despois de que o edil do PSOE Xerardo Alonso se pasase ao grupo misto e decidise apoiar un cambio na presidencia da corporación. O golpe de man rexeitouno o PP galego e Arévalo e o seu grupo, motu proprio, abandonou oficialmente o partido, pero segue empregando as súas siglas tanto no concello como nos actos públicos sen recibir críticas por parte dos seus ex correlixionarios. Agárdase que nas próximas eleccións municipais de 2011 retorne ao PP e encabece a súa lista electoral.
casa sen licenza de Martín Vicente Urgal, en Borreiros.
Se todo acontece como está previsto, a partir do sete de xullo Martín Vicente Urgal (PP) será o novo alcalde de Gondomar tras unha moción censura asinada por tránsfugas. Entón poderá legalizar a casa rural que edifica xunto á igrexa de Borreiros. Non será o único beneficiado do desaloxo do nacionalista Antonio Araúxo da alcaldía. O actual rexedor denunciou intereses urbanísticos detrás da súa expulsión do Concello.
Urgal conseguiu o apoio dos membros do seu grupo (PP) agás o do anterior alcalde Carlos Silva, o do representante dos independentes agrupados en Move-Mos e o dos catro edís que concorreron na candidatura socialista. En total, doce concelleiros –incluído Silva– votarán a prol da moción de censura, os cinco nacionalistas pronunciaranse en contra. Descoñécense as razóns para os socialistas apoiar o cambio, mais o seu partido desautorizounos baixo ameaza de expulsión e o aínda alcalde Antonio Araúxo preguntouse por que os edís do PSOE aceptan unha proposta que implica obter unha posición máis desfavorábel que a que ocuparían de continuar os nacionalistas a rexer o concello.
Ademais de legalizar a obra de Urgal –que se enfronta a unha orde de derrubamento– un dos primeiros pasos do novo equipo de Goberno erixido tras a moción de censura será o rescate do polémico plan de urbanismo de 2006, rexeitado no seu día pola Xunta. A medida implicará renunciar á tramitación do novo PXOUM, que conta cunha subvención de 305.000 euros. Repecto a Silva, inhabilitado por corrupción urbanística, Araúxo asegurou que “seguirá dirixindo o concello, coa cooperación necesaria de Rafael Louzán”, presidente da Deputación de Pontevedra (PP).
Descargar Tarifas