PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Adaptación ao Plan Boloña
Polémica en Ourense polo posíbel peche de Físicas

Xurxo González A Xunta de Facultade aprobou a substitución por Ciencias Ambientais. Alumnos e profesores de Física recollen sinaturas para evitar o cambio.

Reloxo 02.07.2009 | 17:34

Biblioteca da Facultade de Ciencias de Ourense Biblioteca da Facultade de Ciencias de Ourense A meirande crítica dunha parte importante da comunidade universitaria cara o Plan Boloña consiste no suposto desprezo desta reforma europea cara as Humanidades. A rendibilidade económica convértese nun factor importante para decidir os plans de estudos. Pero no campus de Ourense, que depende da Universidade de Vigo, é a carreira de Física a que está en cuestión.

A pasada semana, a Xunta de Facultade da Universidade de Ciencias aprobou iniciar o proceso para suprimir a actual licenciatura en Física e substituíla por un novo grao de Ciencias Ambientais. Os argumentos para a toma desta decisión céntranse na escasa demanda que ten por parte do alumnado. No curso 2008-2009 só se matricularon 7 persoas logo da Selectividade no primeiro curso.

Xoán Carlos Mexuto, decano da Facultade opina que, coa normativa actual, Física en Ourense está abocada á desaparición, sexa ou non substituída por Ambientais. Mexuto afirma que “no caso das titulacións non exclusivas dunha Facultade en Galicia, a lexislación esixe que haxa polo menos 25 alumnos provenientes do Selectivo no primeiro ano”.

Descenso da matriculación

Ramón Meijón, portavoz dos estudantes que se están a mobilizar para protestar pola reforma, di que é certo que poucos alumnos acceden cada ano logo das probas da Selectividade, pero que son moitos máis os que comezan cada ano a carreira. “Os datos públicos que ofrece a Universidade de Vigo sinalan que cada ano se incorporan entre vintecinco e trinta novos alumnos, dos que moitos proveñen das Facultades de Santiago e de Euskadi”.

A comunidade de Física de Ourense insiste en que non entende as razóns desta decisión. “A Xunta da Facultade de Ciencias (que agrupa as titulacións de Física, Enxeñería Técnica Agrícola e Enxeñería dos Alimentos) decidiu iniciar este proceso sen ternos en conta”. En canto ao descenso da demanda, a plataforma que reivindica o seu mantemento di que, segundo os datos da Universidade, “a matrícula en Física descendeu nos últimos anos nun 25%, mentres que nas outras carreiras da Facultade fíxoo en máis dun 50%. Outras titulacións do campus de Vigo, como Bioloxía e Económicas sufriron descensos semellantes e ninguén pon en dúbida a súa continuidade”.

Mexuto retruca que aínda que o descenso é menor que noutras, o número de alumnos que proveñen de Selectivo nas outras dúas carreiras da Facultade mantense por enriba dos 25. “No último ano matriculáronse en Enxeñería Técnica Agrícola 37 alumnos, suficientes para manter o grao”, sostén.

A oportunidade de Ciencias Ambientais

No fondo da cuestión está o estabelecemento do novo grao de Ciencias Ambientais. Os afectados pensan que esta situación suporía malgastar recursos xa que, “con todos os respectos cara as outras carreiras, a de Física é moi concreta. Que un profesor especialista en Física Cuántica teña que impartir materias máis xerais supón malgastar os seus coñecementos e capacidade investigadora”.

O decano da Facultade, defensor da modificación, afirma que non hai nada estraño en que os profesores dean outras materias distintas da súa estrita especialización. Ademais, considera que a implantación de Ciencias Ambientais, que actualmente non se imparte en ningún campus galego, podería atraer moitos alumnos de fóra da provincia. Mexuto afirma que “nas Facultades de Castela-León onde se imparte esta titulación, a demanda supera con moito á oferta, e todos os anos quedan medio cento de aspirantes fóra”.

Poucos gastos e posibilidades de atopar emprego

Os que se opoñen ao peche insisten en que a titulación non dá perdas, e que o custe que supón se compensa coa matrícula e cos ingresos derivados dos proxectos de investigación que desenvolven unha vintena de estudantes de doutoramento. Polo momento non hai cifras concretas, aínda que aseguran que as están recompilando para expoñelas á opinión pública. No capítulo dos gastos, os estudantes afirman que a carreira só conta con 13 profesores titulares, xa que moita docencia impártea o persoal de investigación, que conta con bolsas outorgadas polo goberno central. “Outros graos da Facultade de Ciencias dispoñen de moitos máis profesores titulares”, sinalan.

Outro argumento en contra do peche é que o paro entre os licenciados na capital das Burgas é moi reducido. A proximidade con empresas do Parque Tecnolóxico de Ourense é fundamental. De feito, pensan que a desaparición podería supor un prexuízo para o tecido industrial da zona.

Mexuto non comparte esta opinión. “Segundo os datos do INE, a media de paro entre os titulados de Física é do 15%, mentres que entre os de Ciencias Ambientais é do 8%”. Ademais, indicou que ningún posto de traballo do profesorado corre perigo, e que resume a súa postura: “o obxectivo é racionalizar recursos. Non podemos seguir mantendo Físicas en Ourense cando a cen quilómetros temos a Facultade de Santiago, que ten moitos máis alumnos. Tamén se deu á inversa. Nós mantivemos titulacións que tiveron que desaparecer da Universidade de Santiago”.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río