Manuel Vilas . Constructora Hispánica, acusada de pagar comisións á trama Gürtel, foi a favorita dos contratos das Deputacións galegas en 1999. Daquela estas administracións estaban nas mans do PPdeG e o número tres dos conservadores galegos era Pablo Crespo, hoxe en prisión preventiva por ser un dos presuntos cerebros da trama.
Unha das empresas acusadas pola Xustiza no caso Gürtel, sobre o presunto financiamento ilegal do PP a través do tesoureiro Luís Bárcenas, é Constructora Hispánica. O seu presidente, Alfonso García Pozuelo-Asins, “tería pagado de xeito ilícito a Francisco Correa en contraprestación á intermediación para a adxudicación de proxectos urbanísticos ante as administracións públicas”, acusan os xuíces no último auto. Hispánica é unha das firmas importantes en obra pública no Estado. Por iso, non sorprende que múltiples administracións galegas (como os concellos de Ourense, Mondoñedo ou Ferrol) lle adxudicaran infraestructuras, tamén o bipartito nos últimos anos. Con todo, si chama a atención o gran volume de licitacións conseguidas por esta construtora xusto cando Pablo Crespo ocupaba postos directivos no PP galego e na Xunta. Crespo, ex-deputado, é o suposto número dous da trama Gürtel, polo que está encarcerado canda Francisco Correa. 636 millóns nun ano Por exemplo, Hispánica foi a construtora que máis obra pública das deputacións galegas executou en 1.999. Nese mesmo ano, Crespo levaba xa dous anos como número tres do PPdeG e os conservadores controlaban a práctica totalidade das administracións galegas, incluídas as catro deputacións. Hispánica apañou máis do 5 por cento das licitacións de obra pública dese ano, máis de 636 millóns das antigas pesetas, malia tratarse dunha sociedade baseada en Madrid, segundo figura na memoria da patronal do sector. O PPdeG desvincula a Negreira de Crespo A traxectoria de Crespo e as adxudicacións a Hispánica en Galicia tamén se unen en Portos de Galicia. O político foi vogal dende 1.998 até 2005. Nese tempo Hispánica apañou catro adxudicacións por máis de 13 millóns. Todas elas firmadas polo daquela presidente de Portos, Carlos Negreira, hoxe deputado e presidente do PP coruñés. Os conservadores galegos declinaron comentar a información sobre os contratos de Portos e Política Territorial a Hispánica publicada por ANT. Fontes oficiais do partido limitáronse a lembrar as declaracións de Negreira nas que negaba calquera vínculo con Crespo. O Tribunal de Contas investiga Portos A xestión de Negreira está a ser avaliada polo Tribunal de Cuentas, en particular a presunta ilegalidade da renovación dunha adxudicación á empresa Segurisa, tamén citada na trama do suposto financiamento ilegal do PP.
Pablo Crespo, en prisión pola trama Gürtel, nun mitin detrás de Fraga.
Segundo o auto que investiga o Supremo, Hispánica pagou até 1,6 millóns a empresas de Crespo e Correa en facturas falsas. A Axencia Tributaria sospeita que parte dese diñeiro era en realidade para Bárcenas, o tesoreiro do PP estatal tamén imputado polo Supremo. Nunha conversación gravada pola Policía, Francisco Correa aseguraba terlle entregado a Bárcenas 60 millóns de euros.
Os concursos que convocaban as administracións controladas polo PP “deseñábanse a medida, de tal forma que o trámite administrativo tiña lugar adxudicándose aquel [o concurso] á empresa presentada por Correa, que obtiña unha comisión a repartir entre as persoas que interviñeran na operación”, segundo sinala o auto.
Pablo Crespo foi enviado a prisión noutro auto no que aparecen tres pagos por case 19 millóns das antigas de pesetas, baixo o epígrafe “cobro eleccións galegas”. Os pagos foron entre 1997 e 1999, período no que Crespo era secretario de organización do PPdeG baixo o patrocinio de Xosé Cuíña, conselleiro de Polítia Territorial. Nese tempo, ademais, as empresas do seu socio, Francisco Correa, organizaban a miúdo os actos de campaña dos conservadores.
Descargar Tarifas