Redacción . O director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Alberto Saiz, deixou o cargo. A polémica pola utilización de bens públicos para fins privados pasoulle factura. O que fora xefe do Estado Maior da Defensa entre 2004 e 2008 e até agora alto representante para a Presidencia española da Unión Europea, Félix Sanz Roldán, podería ser o novo director do Centro.
As acusacións contra o Alberto Saiz sobre a presunta utilización de fondos públicos para fins privados forzaron finalmente a súa saída. O até agora director do CNI xustifica a súa decisión porque de continuar podería acabar prexudicando a imaxe do Goberno central, ao "que serviu lealmente". Do mesmo xeito, segundo recolle elEconomista, indicou que a súa dimisión axudará a evitar unha posíbel deterioración do funcionamento do Centro de Intelixencia, "unha cuestión que por responsabilidade coa Institución e os seus traballadores e polo seu compromiso coa seguridade dos españois non pode permitirse". Así mesmo, reiterou a "falsidade das acusacións das que foi obxecto nos últimos meses", subliñando que actuou con total transparencia. A documentación achegada polo director xeral apenas xustifica os gastos dos que se lle acusa. Ao parecer, o CNI abonou 38.000 euros para a súa vivenda non relacionada coa seguridade, que logo devolveu con cheques bancarios. Con todo, os gastos en viaxes de caza e pesca non están xustificados. Diversos cargos do Goberno mostraron a súa confianza en Saiz. O último membro do Executivo en facelo foi a vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, que recoñeceu que o Executivo pensa que "non é bo" que o traballo e o papel dos servizos secretos españois "se estea cuestionando de forma continuada", aínda que asegurou que o Goberno sempre escolle as persoas "máis convenientes e máis oportunas" para desempeñar un posto de responsabilidade.
Sede do CNI
Descargar Tarifas