Redacción . Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) fixeron en augas da Ría de Arousa a primeira reintrodución no océano de cabaliños de mar criados en catividade. O proxecto, pioneiro a nivel mundial, permitirá coñecer máis sobre o comportamento desta especie en liberdade e as súas características reprodutivas e biolóxicas e saber se son capaces de adaptarse ao medio natural despois de ter vivido nun laboratorio.
Os dez exemplares liberados pertencen á especie Hippocampus guttulatus ou cabaliño de mar narigudo, a máis abundante en augas españolas. Os exemplares, xeneticamente seleccionados a fin de non alterar a diversidade xenética da poboación da zona, van equipados cuns marcadores subcutáneos para permitir o seu seguimento que se prolongará un mínimo de 12 meses. Miquel Plans, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e coordinador do proxecto, explica que o seguimento será moi intenso ao principio. “Sobre todo porque agora empeza a época de reprodución e isto vainos permitir conseguir información moi valiosa sobre a madurez sexual e se teñen crías ou non”. Esta iniciativa é a culminación do proxecto 'Hippocampus' iniciado en 2006 e que constitúe a primeira investigación feita en Europa para o estudo deste tipo de cabaliño de mar. Segundo a seu coordinador, o proxecto ten tres obxectivos: “O estudo das poboacións naturais, desenvolver técnicas de cría en cautividade que permitan estabelecer bancos reprodutores controlados xeneticamente e estudar a viabilidade dos exemplares nacidos en catividade unha vez incorporados ao medio natural”.
Descargar Tarifas