Europa Press . O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, asegurou hoxe que a proposta de financiamento que onte lle trasladou a vicepresidenta segunda e ministra de Economía, Helena Salgado, está 'moi por baixo' do 7,1 por cento dos recursos dispoñíbeis para repartir entre as comunidades –que o Goberno central fixou en 9.000 millóns– e avisou o seu homólogo estatal, José Luis Rodríguez Zapatero, de que 'non asinará' ningún acordo 'lesivo' cos intereses de Galiza.
Alberte Núñez Feixóo, en rolda de prensa.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o xefe do Executivo autonómico incidiu en que Galiza ten dúas opcións "legais" –asinar ou non asinar– e reiterou que non aceptará "calquera oferta". "Terán que cambiar as condicións", indicou. Así as cousas, tampouco descartou presentar un recurso xudicial se, finalmente, se aproba un modelo de financiamento que "vicie" os principios constitucionais de "cohesión e solidariedade".
En todo caso, reiterou a súa "predisposición" para chegar a un acordo "unánime" no novo sistema financeiro e lamentou as contradicións entre Salgado e o ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, quen se comprometeu o martes a "traballar" para que Galiza manteña a súa posición relativa do 7,1 por cento, como demandaron na Cámara todas as forzas políticas galegas.
"Espero que prevaleza a postura da parte do Goberno que quere chegar a un acordo", aseverou Núñez Feixóo e resaltou que a Xunta "non se moveu" do consenso parlamentario. "Dixémoslles o mesmo a Chaves e a Salgado, pero eles trasladáronnos algo completamente distinto", denunciou e agregou que o seu Goberno só recibiu ofertas "verbais", pero "ningún papel" en materia de financiamento. "E sen papeis non podemos avanzar", apostilou.
Descargar Tarifas