PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Copa Galiza feminina de fútbol
As 'Rápidas' xa pensan no ascenso

A. C. O equipo feminino de fútbol do Rápido de Bouzas fixo honra ao seu nome. Na tempada do seu debut acadaron o seu primeiro título, a Copa Galiza. O remate da campaña non puido ser mellor, malia que non acadaron o ascenso. No torneo do KO foron moi superiores ao resto de adversarios. O seu balanzo: nove vitorias noutros tantos partidos.

Reloxo 03.07.2009 | 07:13

Todas elas e tamén o seu adestrador, Xosé Laíño, coinciden en que ao fútbol feminino quédalle moito camiño por percorrer, malia que cada vez son máis as rapazas que se enfundan a indumentaria coas cores dun club e saltan ao terreo de xogo. Sinala o técnico das amarelas e negras que “a condición física que teñen estas mozas é sorprendente, sen nada que lles envexar aos homes”. Indica tamén que notou que había máis xogadoras das que se podía crer nun comezo. Respecto ao fútbol feminino, di tamén que “precisa de máis apoio económico, do contrario é difícil que poida prosperar”.

A estas mozas, con idades comprendidas entre os 16 e os 23 anos, fíxolles unha grande ilusión este título, para o que nun comezo ninguén contaba con elas, dada a suposta “inexperiencia” do equipo e as dificultades de principio de tempada, ao que se unía que era o primeiro ano que o combinado de Bouzas entraba nunha competición oficial e as xogadoras non se coñecían practicamente.

Ao final, despois dun contundente 5-0 ao Cidade de Santiago na final, chegou a ilusión polo inesperado deste título. Todas contribuíron dun xeito decisivo, pero sobre unha delas, Andrea Rodríguez, recae ademais a difícil tarefa das relacións públicas. Grazas ao seu traballo, son coñecidas por un blog na internet, chamado O blog das Rápidas, no que actualiza noticias, vídeos e todos aqueles asuntos que incumban directamente as campioas de Galiza. 
 
'Ninguén apostaba por nós' 
 
Para Andrea o título “foi moi importante precisamente porque non partiamos de favoritas, ninguén apostaba nada por nós”. Sinala que os obxectivos cambiarán a vindeira tempada. “Agardo que poidamos loitar polo ascenso a segunda categoría, xa que este ano fomos de menos a máis e o final da liga xunto co torneo da Copa deunos moitísimo ánimo”. Leva xogando cinco tempadas dándolle ao balón, antes de chegar ao Rápido estivo no Casabranca e lembra as anécdotas de cando aínda estaba na súa máis tenra infancia e ía xogar ao fútbol con outros nenos na que non deixaba de estar sinalada polo resto dos compañeiros. Iso xa é historia. 

Pola súa parte Catuxa Triñanes di que “foi unha experiencia inesquecíbel”, xa que tamén era debutante no cadro de Bouzas e no fútbol de campo. Tamén considera que este deporte debería ter máis importancia para as mulleres da que se lle da actualmente, xa que está a ser ignorado por poderes públicos e medios de comunicación.

Da mesma opinión que a anterior futbolista é a súa compañeira Marta Villacastín, unha xogadora que se incorporou cando só faltaban sete partidos para o remate do campionato de Liga. Esta “Rápida” apunta tamén “todas temos a satisfacción do traballo ben feito”. "Agora –prosegue– temos máis ilusión e máis aspiracións, pero temos que ter os pés na terra e non ser surrealistas respecto a vindeira campaña".
 
Imbatibilidade 

Claro que facer un torneo tan extraordinario no sería posíbel se non houbese unha imitadora de Casillas debaixo dos paus. Ela é María Eirín, que leva perto de 700 minutos sen recibir un gol, aínda que ela achacou a súa defensa. Di tamén que “me animei a xogar de porteira porque a ninguén lle gustaba esta demarcación, pero a min encántame o fútbol e non me importa xogar en calquera outro posto”. Recalca, ao igual que o resto das súas compañeiras, que “o título supuxo unha ledicia moi grande, pero agora teremos que centrarnos noutras competicións”.

As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
Xosé Laíño
Catuxa
María Eirín
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
As Rápidas de Bouzas
Andrea Rodríguez
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río