Coido que son días para volver a Paulo Freire e á súa Pedagoxía do oprimido (1970). A lectura deste libro pode darnos moitas claves sobre os resultados electorais e tamén verbo do conflito lingüístico que, aínda que doutro xeito, é anterior ao advento de Gloria I, a Ditadora (de “ditar”, porque seica é a que dita agora a política lingüística que practica a Xunta). Aquí uns e outros falamos en nome da liberdade, mais hai notábeis diferenzas. O castelán empregábase –e emprégase– desde unha posición de poder. Os opresores, afeitos a esa posición, séntense oprimidos fóra dela. “Todo o que non sexa o seu dereito antigo de oprimir significa opresión”, ensina Freire. Precisan dividir para seguir oprimindo (segregación en aulas, no caso da lingua ). Non é estraño tampouco que os oprimidos deveñan en opresores porque aspiran a ser coma o seu contrario. O autor brasileiro tamén nos advirte que, se ben é certo que se precisa o poder político para cambiar a realidade, hai moitas cousas que se poden facer, “traballos educativos” para que o oprimido tome conciencia da súa situación. O fundamental “será sempre a acción profunda a través da cal se enfrontará, culturalmente, a cultura da dominación”. En resumo, un activismo cultural (que non exclúe o político) imprescindíbel para podermos falar de liberdade, a verdadeira, a de quen “sabe”. A acción sen reflexión é, segundo Freire, mero activismo. O resultado da simple propaganda ben sabemos cal é. “É necesario que se inxiran criticamente na situación en que se atopan e pola cal están marcados”.