PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG DULCE SUEVIA
Dulce
Suevia
O 'Mysterio' de Michael Jackson
A ninguén lle resulta sospeitoso que Ramoncín desapareza de Operación Triunfo coincidindo coa morte de Michael Jackson? Eu xa non dubidaba dos seus pactos co diaño para reter a eterna xuventude, pero seica fixeron tan boas migas que o avisou para saír pitando cara a 'Wonderful Landa' ou como se chame, a ver se pilla cuarto e metade dos dereitos das cancións dos Beatles, Elvis ou o propio Michael, e seguir enchendo as arcas da SGAE...
 03.07.2009 | 07:23

O do Mystery é un misterio.. O do Mystery é un misterio..

Supoño que para todos os da miña idade, a morte de Michael Jackson foi un golpe, duro ou brandiño, pero golpe.

O “Thriller” foi o causante dos meus terrores e pesadelos infantís. Lembro perfectamente a tarde de sábado, no sofá de polipel da miña avoa, e a presentación do vídeo na tele. Jacko convertíase en lobo mentres eu pelexaba co medo e o morbo por ver o que pasaba, e os meus irmáns, maiores, berraban e palmexaban eufóricos e asombrados. Con “Bad” comecei a apreciar a música doutra maneira, máis adolescente supoño, entendendo a definición de ídolo de masas. E merquei “Dangerous” en vinilo porque a portada o merecía, toleando co “morphing” do vídeo de “Black or white” (eu penso que a repercusión deste efecto especial é so comparábel ao “bullet time” de Jonh Gaetha en "Matrix") pero foi unha desilusión ver o declive do xenio neste disco. Con HIStory volveu a expectación. Pero aquel comercial vírico, no cal nos ían adiantando o destape dunha estatua xigante, e o recompilatorio de grandes éxitos, eran a corroboración de que a cousa non ía mellorar. Pero o bo que fixo, que bo é!!

O HIStory non me deixou unicamente a lembranza dun bo anuncio, nin unha serie de faltas repetidas nas clases de inglés, cando en vez de “story” escribía “history”... Deixoume tamén o primeiro ataque de ansiedade da miña vida. E non por ser eu unha fánida desmedida do branquiño, que até alí non chego. Estando eu na facultade as 8 da noite, e mentres fozaba cunha video cámara, unha amiga anuncioume, falándome a través do obxectivo, que a entrega de tres traballos prevista para tempo despois adiantárase á mañá do día seguinte. Calquei no stop e saín correndo ao super, no que había unha liquidación de “Mystery, a bebida enerxética de Michael Jackson”. Eu ía a por Red bull, pero como custaban 25 pesetas metín uns cantos deses á cesta para aguantar a noite esperta e poder traballar.

As miñas compañeiras de piso foron durmir, e ao espertar, tras sete horas e cinco ou seis “mysterys”, atoparon tres traballos perfectamente terminados ao lado dunha persoíña despeiteada, cos ollos moi abertos e vermellos, e que non podía parar de falar e axitar brazos e pernas. Axudáronme a vestirme e chegar a clase, e sentei tremendo mentres esperaba a miña vez para a presentación. Seguía cos ollos coma pratos, agora en silencio, e o meu corpo era incapaz de manter temperatura ningunha, así que eu me axitaba nun tabolete tremendo de frío, e logo suando coa calor, frío, calor, frío, calor, mentres o resto da clase aumentaba un círculo de seguridade en torno miña cada vez que sacaba ou vestía a cazadora. Cando me tocou comezar a ler, en tres liñas xa me faltaba o ar, así que tireime no chan, dando boquexadas, mentres dous compañeiros me arrastraban fora da clase, e o mestre berraba “tranquila!! notábel,... NOTÁBEEEL!!”.

Recupereime, e saquei moi boa nota.

As cousas pequenas son as que fan que recoñezamos as cousas grandes, e Michael Jackson, por medio de pequenas anécdotas e impresións visuais imborrábeis, xa vai formar parte sempre da miña vida. Velaquí a miña pequena homenaxe.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río