Redacción . Atendendo ás demandas do sector das artes escénicas profesionais, a Xunta nomeou hoxe a persoa que vai dirixir a Axencia Galega de Industrias Culturais, sen ninguén á fronte dende o cesamento de Miguel Martín, o 7 de maio.
O novo directo da AGADIC, Xoán Carlos Fernández Fasero (Arnoia, 1969), é unha figura clave do panorama folk galego, tanto como creador como no campo da produción. Xa tivo tres candidaturas aos Premios da Música que organizan a SGAE e a AIE, e produciu o traballo Tolemia de Cristina Pato, así como varios de Mutenrohi. Presentou no 2001 o seu primeiro traballo en solitario Mar de Mares (Zouma Records). No 2003 chegou Augas mansas, e hai un par de meses presentaba novo disco, 3, con 12 versións de diversos temas que o marcaron. Toca a guitarra dende os 11 anos (estudou até 6º no Conservatorio Profesional de Música de Ourense). Formouse tamén con Fernándo Díaz, Michel Martín, ou, en guitarra clásica, con David Russel e William Kanengiser. No 88 fundou o grupo de música folk Grieih, que durou dous anos. Logo centrouse en estudar Física na USC, e xa no 93 funda o grupo Aquae-Lae, co que xira por toda Galiza.
Xoán Carlos Fasero
No 94 desfaise este grupo, el faise socio da SGAE e funda Mutenrohi, onde aínda é autor, arreglista, guitarrista e cantante. No 96 gravaron o primeiro disco, O mal tempo, con Sons Galiza, e ese mesmo ano funda en Ourense a Aula de Música Folk e Instrumentos Tradicionais. Un ano despois crea, xunta Carlos Barandela, o selo discográfico Zouma Records, para promocionar grupos galegos e de fóra. Con este seño, Mutenrohi grava o segundo disco, Has bailar!
O terceiro traballo discográfico do grupo, xa coa multinacional CNR-ARCADE, chegou no 99, Cousas da lúa. Ese mesmo ano, Fasero produce o disco debut de Cristina Pato, Tolemia, para o selo Fonomusic. Xa no 2000, monta o estudio de gravación "Desfase Sound", que serve de apoio a Zouma e a outras compañías para a produción e gravación dos seus grupos e artistas.
Carreira como autor en solitario
No 2001 produce o primeiro disco en solitario Mar de Mares, o cuarto traballo de Mutenrohi, Danze, e o segundo disco de Cristina Pato Xilento. Dous anos despois chegan o seu segundo disco en solitario, Augas mansas, e o quinto de Mutenrohi, Maio, mentres entra no audiovisual facendo pequenas producións sonoras.
No 2004 publica un novo disco, Grandes éxitos, coa formación Lume, e un ano despois, o sexto de Mutenrohi, para celebrar o seu décimo aniversario, ... e van Dez. No 2006, de novo con Lume, saca Folk Express, e no 2007, o terceiro traballo de Pato, Misturados, cun DVD do concerto. Foi nomeado catro veces pola Academia da Música como "Mellor compositor en Galego", e recibiu tres premios "Luar". No mes de maio sacou o seu terceiro traballo, 3.
Non só música
Amais, no 2004 integrouse na Xunta Directiva de Club Deportivo Ourense, como vicepresidente económico do club. Tamén forma parte da Xunta Directiva de AJE (Jovenes Empresarios de Ourense), é secretario de AGAPHONO (Asociación de Fonográficas Galegas) e vicepresidente de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais).En 2007 resultou elixido concelleiro polo Partido Popular no concello de Arnoia.
Descargar Tarifas