PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Xosé Ramón Gaioso
‘Fun como asesor xurídico e acabei de presentador’

Eva Estévez Música e palabra. Estas son as vertentes coas que Xosé Ramón Gaioso (A Coruña, 1956) convive dende o seu debut na TVG en 1985. Baixo a súa coroza de persoa agradábel e con don de xentes escóndese un amante da intimidade e da vida familiar á que non quixo renunciar cando rexeitou un traballo que lle ofreceran en Madrid. Este tótem da Televisión de Galicia defende con capa e espada a vixencia de 'Luar', o programa máis visto da TVG, que en setembro cumprirá 17 anos, e confesa orgulloso que non se ve noutro rexistro nin noutro espazo televisivo.

Reloxo 03.07.2009 | 07:00
TAGS: Gaioso ,

Xosé Ramón Gaioso co seu reloxo  Omega Speed Master Xosé Ramón Gaioso co seu reloxo Omega Speed Master. JESSICA BARCALA/AGN

Como prefire que lle chamen, Gaioso, Ghaioso, Xosé Ramón...?

Para o pobo son máis Gaioso ou Ghaioso. Xosé Ramón ten moi pouco marketing.

Intenta levar á marxe as súas vidas paralelas, de presentador e de “paisano”...

Non o intento, e que é así. Non hai máis vida para o personaxe televisivo que cando está na pantalla, cando non está na pantalla non existe. Por iso moitas veces existe ese misterio arredor de nós, créanse lendas urbanas sobre o que facemos despois do programa...

E que fai?

O que fai toda a xente normal: quito o traxe, cámbiome de roupa, despídome dos compañeiros e volvo á miña casa; durmo, levántome ao día seguinte...

Hai algo que non saibamos de vostede?

Considérome unha persoa moi ordinaria no sentido de orden. Son moi de fogar: a miña muller e a miña filla son a miña primeira obriga e entretemento... Todo o demais forma parte do teatro do mundo... Teño un can, gústame moito facer deporte...

Que practica?

O que máis me gusta é botarme a correr pola rúa pero non podo. Fíxeno unha tempada, pero a metade do tempo pasábaa parado, saudando a xente... Nunha ocasión unha señora lanzouse efusivamente, caín ao chan, torcín un nocelo... Entón decidín ir ao ximnasio.

Con tanta audiencia ben o poderían bautizar como SuperGhaioso.

Relativizo moito o tema da popularidade porque a estrela de todo isto é a televisión, non somos nós. Entre ser famoso e popular quédome con ser popular, por aquilo de que hai unha aceptación do traballo por parte do pobo. Que a xente te sinta seu é a maior honra. E iso é grazas ao cometido do programa.

Presume de algo?

De nada (ri). O único que teño que dar son as grazas.

Presentouse na TVG como asesor xurídico e rematou sendo unha das súas iconas... Culpa do destino, da sorte, dun amuleto...?

Non sei en que consiste o concepto da sorte. Descoñezo se é algo que un está buscando constantemente... O que está claro é que eu era moi teimudo, insistía moito e tiña esa inquedanza de buscar traballo. Cando vin á Televisión de Galicia como asesor xurídico e me dixeron que o único que buscaban era presentadores, decidín presentarme a unhas probas e aí acabou a historia...

É superticioso?

Para nada. Foi unha sorte buscada... E o mesmo que o da quiniela, para que che toque terás que xogar un euriño...

Despois de tanto 'Luar', que ten de lunático?

Nada, aínda que a min me produce moita fascinación o mundo do universo, a lúa en concreto. De feito levo un agasallo que me deron os meus pais cando tiña 14 anos máis ou menos, o Omega Speed Master, o reloxo que levaron os astronautas que foron á lúa...

‘Facer un 24 % de audiencia hoxe en día é estratosférico’

'Luar' cumpre en setembro 17 anos en antena. Non se aburre?

Non, e paréceme moi inxusto que a xente me diga: “non tes ganas de facer outra cousa? E que levas tantos anos...” Quen me ten que dicir que me adique a outra cousa é o público. Facemos unha media do 24 por cento de audiencia. Hoxe en día estas cifras son estratosféricas, sobre todo se temos en conta que o noso programa dura tres horas...

Hai algo a estas alturas do 'Luar' que se lle resista?

Eu gozo co meu traballo e creo que se nota. Se para min hai unha noite feliz na semana é a do venres pola noite cando remato o programa, esa sensación do deber cumprido...  

En todo este tempo semella que non cambiou de traxe...

(Ri) O tema do vestiario non me parece fundamental. Sempre quixen manter unha imaxe (ri) perdurábel, por iso sigo vestindo practicamente igual que cando empecei. Non creo que o éxito dun programa se basee na vestimenta do seu presentador.

Moda galega...?

Florentino...

A medida?

É unha medida industrial que lle chaman, pero rifo moito con eles porque, independentemente do talle, eu son un tipo de medida chaparreta, ombreiros anchos, pouco pescozo... e, en pantalla, esas características se agrandan aínda máis... Insisto na discreción e na comodidade. Dá igual o que me poñan mentres non me vistan de vidreira gótica...

Como se leva iso de ser o ídolo de tanta xente?

Recibir o cariño da xente maior paréceme marabilloso... Ás veces é incómoda a popularidade, si, pero o pago a cambio é moi grande... Tamén estou seguro de que moita xente malla en min, é inevitábel.

Que foi do candil?

Era unha cousa divertida, unha homenaxe á canción popular e unha maneira de integrarnos todos, artistas e público, pero deixamos de facelo porque cando xa todos os artistas a cantaran 20 veces non tiña moito sentido...

‘En Touro puxéronlle o nome de Luar a unha praza’

A quen lle gustaría levar ao programa?

A moita xente. Pero no 'Luar' hai determinados artistas que por moito que me presten a min non terían cabida en tanto que é un espazo para un público moi específico. Pódeme gustar moito Paul Simon pero traelo ao 'Luar' sería un fracaso. En todo caso vin cumpridas as miñas teimas cando viu Gilbert Bécaud, que para min era un ídolo.

Como encaixa as críticas?

Ben se son obxectivas e se refiren á totalidade do programa. Unha das que máis me molesta é a que se refire a que 'Luar' é un programa vetusto, que sempre trae os mesmos artistas cando eses artistas enchen 15 minutos de tres horas de programa. O resto está feito por xente de aquí... Tamén me molesta que non se fale do concurso de baile tradicional para mozos 'Vai de baile', que non se mencione o concurso para xente maior de corais, nin de que temos un antropólogo, un matemático e unha filóloga que nos falan de temas cotiáns, de topónimos... Aquí naceron ‘Os Tonechos’, ‘As Cantareiras de Ardebullo’, Carlos Núñez, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato, traballou Luís Tosar... Nós non estamos aquí para recomendar libros... xa hai un espazo para iso......

Adicáronlle algunha rúa ou praza?

Non... pero temos unha praza en Touro (localidade na que se gravou moito tempo o programa) chamada a 'Praza Luar'...

Piropos moitos...

Si, a anécdota é a dunha señora que me pediu unha foto asinada e lla dei. A semana seguinte a muller volveu para dicirme que cambiara a estampa do Sagrado Corazón pola miña, e eu díxenlle que a puxese outra vez, non fose o demo! (ri)

Gustaríalle que lle adicasen algunha camiseta retranqueira?

Si, si:  'O Ghaioso, o ghalo de corral'!... Teño moi bo sentido do humor.

Para as mulleres vostede é todo un cabaleiro... Nunca se enfada?

Na pantalla non, forma parte do abc dun personaxe televisivo. De todos os xeitos teño máis que comprobado que nunca compensa enfadarse.

Canta na ducha?

Eu canto en todos os lados. Pero non é na ducha onde máis o fago. Non me dá ningún corte nin teño ningún sentido do ridículo no tema do cantar...

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río