PUBLICIDADE
Sábado, 13 de marzo de 2010
Segundo o PSdeG
Roxelio Martínez pediu axudas da UE para talleres artesáns que nunca funcionaron

Redacción .  O senador do PSdeG, Miguel Fidalgo, acusou o delegado da Xunta en Ourense, Roxelio Martínez, de cometer unha 'fraude a tamaño maiúsculo de diñeiro público' por solicitar fondos da Unión Europea (UE) para promover un proxecto de talleres artesáns que 'nunca funcionaron' cando era alcalde do Concello de Arnoia e presidente de Ceivam (Centro de Iniciativas para o Desenvolvemento Local do Val do Miño). 'Alguén quedou co diñeiro', sentenciou.

Reloxo 02.07.2009 | 07:04

Roxelio Martínez, delegado da Xunta en Ourense Roxelio Martínez, delegado da Xunta en Ourense. AGN Ante esta situación, o PSdeG anunciou que puxo "en coñecemento" do xulgado a documentación que "proba" estas "novas irregularidades" para completar a causa aberta contra Roxelio Martínez.

Nunha comparecencia na que estivo acompañado polas deputadas autonómicas Laura Seara e María Quintas, Fidalgo denunciou que a "xestión das subvencións" dos fondos do programa Leader en Arnoia corre a cargo do grupo Ceivam, "cuxo presidente era o propio alcalde, o xerente era un ex concelleiro de Arnoia, o Administrador era outro concelleiro e o Responsábel Financeiro era o secretario do Concello de Arnoia".

Así as cousas, resaltou que o grupo Ceivam solicitou subvencións a través da iniciativa comunitaria para o desenvolvemento rural Leader II para promover un proxecto de talleres artesáns para traballar madeira, forxa, cerámica, prata e panadería que "non funcionan".

Neste escenario, sinalou que a proposta era unha "boa idea" aínda que, ao seu entender, "perverteuse" e converteuse nunha "montaxe" para recibir subvencións nos que "ninguén sabe onde está o diñeiro".

Talleres

En primeiro lugar, o senador denunciou que o grupo Ceivam buscou a Manuel Souto "que foi presidente dos artesáns provinciais onde foi expulsado e está cheo de preitos" para realizar uns talleres de artesáns.

O seguinte paso, segundo o dirixente socialista, foi a creación dun grupo de artesáns baixo o nome de "Armiño" e situou unha nave de madeira "a nome do seu fillo, Adrián Souto", un taller de panadería "a nome dun sobriño, Ramón Souto", un taller de cerámica "onde sitúa un home de nacionalidade cubana, Alfredo Lázaro Gutiérrez, que se foi escandalizado", un taller de ourivaría "en mans dunha moza que estaba estudando Económicas e que era filla dun ourive".

"Buscan uns supostos artesáns que pouca relación teñen coa artesanía e Manuel Souto contrata os cinco talleres a unha mesma empresa que fai e factura a totalidade da obra", sinalou Miguel Fidalgo, quen engadiu que "esa empresa non fai toda a obra senón que factura as obras pero non a realiza, xa que a electricidade, a fontanería ou a estrutura metálica fanas outras empresas".

Miguel Fidalgo denunciou que o Concello de Arnoia "avala" a construción dos talleres artesáns nunha sesión plenaria por "91 millóns de pesetas" e "algúns dos artesáns nunca recibiron ningunha cantidade económica".

"Iso levántanos as alarmas e empezamos a investigar comprobando que, desas obras que se fixeron, boa parte delas nin sequera se pagaron mentres que Roxelio Martínez certificaba que eses artesáns lles presentaron as facturas e ordena que lles paguen", resaltou.

Fidalgo manifestou que, desde o grupo Ceivam, apuntouse que as obras están "certificadas no ano 2001", cando o PSOE "ten constancia que as parcelas foron compradas en febreiro de 2001" e mentres Roxelio Martínez "recoñece en 2002 que están sen realizar e sen pagar" e "concede a licenza un ano despois de que se certifiquen que están feitas e se ordene pagar a cantidade" mentres que o técnico "certifica o final de obra en maio de 2004".

Cesamento
"Os promotores dos talleres non son receptores da subvención senón que son homes de palla para poder recibir subvencións dunha obra que se lle contratan a construtores que non cobran", resaltou Miguel Fidalgo, quen engadiu que "a gran pregunta é onde está o diñeiro desta subvención". Nese sentido, insistiu en que os talleres "nunca funcionaron" e "están obrigados a funcionar cinco anos".

Neste escenario, a deputada autonómica do PSdeG-PSOE, María Quintas, asegurou que o delegado territorial da Xunta, Roxelio Martínez, "non pode permanecer nin un só minuto máis no seu cargo". Para a dirixente socialista, Martínez "está condenado xa e debe restituír o diñeiro que utilizou de forma irregular". Por iso, criticou o presidente da Xunta por "xustificar" no Parlamento esta actuación "como algo habitual".

"Non se se é algo habitual nos representantes do PP, pero a sociedade non pode permitir que a fraude pública se converta en algo habitual", sinalou María Quintas, quen recordou que Roxelio Martínez está "imputado en delitos que el non nega senón que di que están prescritos" como "falsidade documental e fraude de subvención a empresas propias, de familiares, amigos e homes de palla".

A deputada autonómica denunciou esta "trama irregular de desvío de fondos públicos a amigos, familiares e homes de palla". "Só ten un nome: corrupción", aseverou e lamentou que Núñez Feixóo "avale" esta actitude.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río