PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Reinventando a Deputación de Lugo
 01.07.2009 | 18:49

Tendo en conta como transcorreu a historia da Deputación de Lugo, a gran descoñecida de todas as administracións de Lugo, o I Encontro Provincial de Cooperación cos Concellos que se celebrou no Pazo de San Marcos é un exemplo da nova visión da provincia coa que superamos o vello principio de xerarquía entre Concellos e provincias.

Levamos case dous anos traballando para que esta sexa a Casa dos Concellos e a de todas aquelas institucións e entidades que buscan o consenso e o progreso. Proba disto é que a Deputación de Barcelona representada polo seu presidente, Antonio Fogué Moya, ademais de alcaldes e traballadores da Administración local en xeral se desen cita neste simposio que, ademais, coincidiu coa celebración do 30º aniversario dos Concellos democráticos. Este día pon de relevo que seguimos reinventando a institución cun único obxectivo: ser útiles e eficaces na consecución do progreso e a vangarda da provincia de Lugo.

Estamos cambiando o rumbo para que esta Deputación cumpra a súa misión como administración intermedia ao servizo dos municipios. A provincia debe artellarse como unha rede de Concellos que exprese a igualdade e materialice o dereito de que todos os veciños dispoñan de servizos públicos de calidade, independentemente do lugar de residencia. Esta non é unha cuestión menor e que quedou proclamada na Declaración de Lugo asinada no Pazo de San Marcos en novembro de 2008 pola Comisión de Deputacións da FEMP e que xa forma parte da historia do municipalismo.

Se se eliminase a Deputación, os cidadáns dariámonos conta do papel decisivo que desempeña como administración de apoio, reequilibrio e liderado no territorio; un traballo que os municipios non poden executar por si sós e que complementa o doutras administracións. O importante neste momento é sumar e non restar.

Deste compromiso de colaboración hai varios casos prácticos. Por exemplo, cando chegamos ao goberno hai case dous anos, esta provincia non tiña unha rede de parques de bombeiros e hoxe están 5 en execución; que era das poucas capitais de provincia que non dispoñía dun centro da UNED e na actualidade 1.500 persoas están matriculadas; que 16 Concellos estaban asfixiados por unha débeda de 12 millóns do canon enerxético e hoxe está aprobado o pago da débeda de todos eles; que a 11 muncipios que non dispoñen dunha Relación de Postos de Traballo lles prestamos asesoramento neste eido, o que supón un custo de 500.000 euros para as arcas provinciais; que as obras do Plan E de Zapatero nos municipios contasen co apoio económico desta Deputación para sacar adiante os proxectos de obra; que dun sistema de recadación desmembrado, pasamos a un que lles aforra case 500.000 euros; que a través do Plan de Obras e Servizos e do de Comunidades Veciñais investimos nos Concellos case 9 millones de euros... Distintas iniciativas nas que a Deputación está investindo ou aforrando aos Concellos uns 70 millóns de euros ao ano.

Estas cuestións, que non son promesas senón investimentos reais, puxéronse de relevo neste encontro no que tamén presentamos o novo servizo de cooperación cos Concellos. Até o de agora este servizo só prestaba asistencia en xuízos, que non é o mesmo que xurídica, pero o novo contempla asistencia integral en diversas materias, tal e como se estabelece no Regulamento que aprobamos no Pleno de marzo. Implicamos todos os departamentos da Deputación para prestar o seu apoio aos Concellos en materias como a económico-financeira, urbanística, novas tecnoloxías, xestión administrativa, xestión de recursos humanos, patrimonio, expropiacións, medio ambiente, arquivo e protocolo.

Pero como non queremos conformarnos, xa estamos pensando no segundo encontro, dado que aínda nos queda moito por avanzar na vertebración dun servizo público de calidade desde a proximidade. Estes son os novos restos da nova Deputación de Lugo.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río