Europa Press . O Grupo Parlamentario do BNG e do PPdeG discreparon hoxe sobre a necesidade de habilitar o mes de xullo na Cámara para continuar a actividade. Así, os nacionalistas insistiron hoxe, de novo, en que se considere este mes como período ordinario debido aos conflitos que se están vivindo neste momento en empresas como Caramelo e Bunge ou o metal, mentres que os 'populares' aduciron que 'non hai ningunha necesidade nestes momentos' e argumentan que o rexistro do Parlamento permanece aberto.
Carlos Aymerich, portavoz parlamentar do BNG, e Ana Pontón, viceportavoz parlamentar do BNG, en rolda de prensa.
"O PP non se vai a ir de vacacións, os deputados seguirán traballando", continuou o portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, quen interpretou que os nacionalistas "se van ir de vacacións" se non se habilita xullo. "Nós imos seguir traballando e insistimos en que non se peche xullo", recalcou o seu homólogo do BNG, Carlos Aymerich, en rolda de prensa.
O deputado do Bloque advertiu de que "fronte á desidia" do Goberno en asuntos como o ERE sobre Caramelo e o conflito do sector do metal na provincia de Pontevedra, o BNG quere "substanciar" iniciativas na Cámara durante este mes.
Deputación permanente
Ruiz Rivas tamén tivo palabras para os socialistas –que demandaron unha deputación permanente– e asegurou que é "estraño" que soliciten a deputación para falar do financiamento cando aínda non finalizara o período de sesións e tampouco había ningún acordo co Estado.
Neste sentido, insistiu en que "non hai necesidade" neste momento, porque aínda non existe un acordo en materia de financiamento cuxa negociación, en todo caso, se basea no pacto de todos os grupos parlamentarios. "Polo menos que o PSdeG saiba algo que nós non saibamos", sobre o transcurso das conversacións, apostilou Ruiz Rivas.
"Claro que teño o teléfono de Manuel Ruiz Rivas e Xaquín Fernández Leiceaga e podemos falar e tomar un café", replicou Aymerich, ironicamente, a este respecto, tras o que advertiu de que "o problema non é ese". "O Parlamento debe ser a cámara de resonancia dos problemas da xente e non pode pecharse", proclamou.
O deputado nacionalista tamén aproveitou a súa intervención para criticar que da conversación de onte entre o vicepresidente terceiro do Goberno, Manuel Chaves, e Feixóo non saíse "ningunha novidade e ningunha cifra". Pola contra, Ruiz Rivas interpretou que "por primeira vez nos últimos anos", o presidente galego "volve estar respectado" e, polo tanto, "Galiza está respectada" no Estado.
Descargar Tarifas