Europa Press . O BNG rexistrou no Congreso unha emenda ao proxecto de lei de medidas para o fomento do emprego coa que pretende impoñerlle ás empresas un deber de pagamento delegado da prestación por desemprego nos casos de despedimento improcedente.
Nunha das súas emendas, os nacionalistas galegos avogan por incluír na lei unha disposición adicional para que, "en caso de recoñecemento de improcedencia do despedimento, se estabeleza un deber de pagamento delegado da prestación por desemprego por parte do empresario, que se desencadea dende a propia data do despedimento e até o recoñecemento da devandita prestación pola entidade xestora". "Consideramos que o empresario terá que asumir os custos de realizar ese despedimento improcedente", reclaman os nacionalistas galegos, que apelan á necesidade de afinar o artigo 56.2 do Estatuto dos Traballadores que permite limitar a indemnización se no acto de conciliación o empresario recoñece o carácter improcedente do despedimento. En outra das súas emendas, o BNG formula a conveniencia de permitir que as comunidades autónomas poidan poñer en marcha medidas de incentivo que faciliten o mantemento dos contratos de traballo mediante axudas e subvencións, das que se poderán beneficiar as empresas de menos de 25 traballadores. Esas pequenas empresas son as destinatarias doutra emenda para que o Fondo de garantía Salarial (Fogasa) aboe os custos laborais e de Seguridade Social dende a solicitude da autorización administrativa até a resolución da autoridade laboral de suspensión de contrato. Así mesmo, os nacionalistas galegos rexistraron unha batería de emendas destinadas a garantir mellor e mesmo ampliar o dereito á reposición da prestación por desemprego de nivel contributivo.
Congreso dos deputados
Descargar Tarifas