Manuel Vilas . Feixóo e Negreira eran os responsábeis dos departamentos que lle adxudicaron á Constructora Hispánica, imputada por pagarlle presuntamente ao tesoureiro do PP a través dunha rede codirixida por Pablo Crespo. Crespo, ex-numero tres do PPdeG, era vogal de Portos de Galicia cando este ente público contratou catro veces a Hispánica.
“En Galicia non hai caso Gürtel”. Este é o retrouso que repite o presidente da Xunta de Galicia cada vez que a prensa lle pregunta polo presunto financiamento ilegal do seu partido. Con todo, cada vez hai máis datos que contradín a versión de Alberte Núñez Feixóo. O presidente de Hispánica, investigado Non é só que a Xustiza investigue a desviación de fondos da trama que dirixiu Francisco Correa para sufragar varias campañas electorais dos conservadores galegos. Segundo novos datos recompilados por A Nosa Terra, unha das firmas implicadas polos xuíces, Construtora Hispánica, recibiu máis de 33 millóns en adxudicacións da anterior Xunta do PP. O presidente de Constructora Hispánica é Alfonso García-Pozuelo Asins. Este empresario está imputado polo presunto pagamento de facturas falsas a Correa, que leva meses en prisión. Segundo un informe da Axencia Tributaria incorporado ao sumario, Hispánica pagou 1,6 millóns a Correa a través de empresas pantasma, sen traballadores ou incapaces de realizar os servizos facturados. Adxudicacións da Consellaría de Feixóo A Xustiza investiga se un dos receptores finais dos pagos de Hispánica a Correa é Luís Bárcenas, o tesoureiro do PP estatal tamén imputado na trama. O Tribunal Supremo no seu auto advirte que as empresas de Correa eran "unha trama de sociedades que lograban ilicitamente contratacións de administracións públicas a través de pagos a funcionarios". É dicir, Correa pagaba, presuntamente, a Bárcenas por lograr adxudicacións das administracións controladas polos conservadores e tamén intercedía por terceiras empresas. Pois ben, o Supremo investiga se unha desas terceiras empresas é Constructora Hispánica, que logrou sete adxudicacións de Política Territorial coa Xunta do PP entre 1999 e 2005, a través de alianzas temporais con outras construtoras. Desas adxudicacións, a maior aprobouse despois de que Feixóo asumira a Consellaría de Política Territorial en 2003. Foron máis de 21 millóns de euros en xullo de 2005 polo inicio da autovía entre Sarria e a A6, parte do famoso Plan Galicia. Carlos Negreira e Portos de Galicia Carlos Negreira, deputado e actual presidente do PPdeG da Coruña, asinou outras catro adxudicacións a Hispánica por máis de trece millóns. Fíxoo entre setembro de 2004 e xullo de 2005 na súa calidade de responsábel de Portos de Galicia, tamén dependente da Consellaría de Política Territorial de Feixóo. Non é a primeira vez que o nome de Negreira é relacionado coa trama Gürtel. O Tribunal de Cuentas está fiscalizando as facturas de Portos de Galicia cando Negreira era presidente deste ente público na última lexislatura de Fraga. Daquela, un dos membros do Consello de Administración de Portos de Galicia era Pablo Crespo, nomeado por Política Territorial ... INFORMACIÓN COMPLETA NO PRÓXIMO NÚMERO DO SEMANARIO A NOSA TERRA, NOS KIOSKOS O XOVES
Carlos Negreira, presidente do PP da Coruña e deputado.
O político galego está no cárcere pois é un dos socios de Correa, co que comparte cela na prisión de Soto del Real. Na trama Gürtel e un dos presuntos cerebros da 'conexión galega'. E é que antes de entrar en Portos, Crespo fóra secretario de organización do PP galego –é dicir, o número tres do partido–, e deputado no Parlamento de Galicia.
Crespo xa declarou no xulgado. Ante o xuíz, Crespo mostrouse disposto a cooperar para reducir unha hipotética condena.
Sen dúbida, un dos asuntos tratados entre Crespo e o xuíz Baltasar Garzón son adxudicacións de Portos de Galicia á Construtora Hispánica. Pablo Crespo Sabarís foi vogal do Consello de Administración de Portos de Galicia dende decembro de 1998 até decembro de 2005.
Nese tempo, e baixo a presidencia de Carlos Negreira, Hispánica recibiu as citadas catro adxudicacións por máis de trece millóns. Dende daquela, a rentes do cambio de Goberno, Hispánica non ten traballado máis para Portos de Galicia.
Descargar Tarifas