Encántame a radio. A literatura semella viva nas ondas. Saúde ao Diario cultural que Ana Romaní leva dirixindo desde hai tanto tempo. É un clásico. Unha referencia indispensable. Lembro agora o meu amigo Xosé M. Freire, persoa inesquecible, coa que gocei facendo Os sons do silencio. Música e poesía fundíanse no aire e cada programa facíanos un chisco máis felices. Era a emotividade da palabra mesturada co tremor das cancións. Gústanme os programas literarios na radio que teñen vida de seu. Que necesarios son! Sorprendente foi para min descubrir A Casa do vagabundo na Radio Galega. Invitoume Rivadulla Corcón e quedei fascinado polo espírito do programa. Leva este home, que ademais escribe, (lean Os piratas da illa da Esperanza) tres anos e medio, semana tras semana, facendo da radio unha casa acolledora para a literatura porque, como el mesmo di, “a radio é palabra, só palabra a través do espazo”. Éche ben certo. Falamos sobre poesía, lin poemas do meu novo libro As palabras están a mirarse arredor da mesa, compartimos inquietudes e medos sobre o futuro da nosa lingua. É un pracer cambiar impresións cunha persoa tan comprometida coa súa contorna e coa cultura. Pedinlle unha reflexión e explicoume que o seu programa é un feito feliz. “Confirmei que os escritores galegos son, en xeral, xente moi xenerosa. Realmente, unha familia” afirmou co brillo nos ollos.Daquela, comecei a preguntarme se un programa destas características vai durar moito nos tempos que corren. Mentres soaba unha sonata para piano de Haydn, quixen crer que si. Precisábao para gozar dun músico que aconsello vivamente.