Europa Press . Os grupos que conforman a oposición parlamentaria -BNG e PSdeG- condenan que o novo sistema implantado pola Xunta deixa sen libros de texto gratuítos ás familias mileuristas. Pola súa banda, a Xunta insiste en que a medida chegará ao 65 por cento das unidades familiares e defende esta acción como verdadeiro 'progresismo'.
Durante a súa comparecencia na Comisión de Educación, celebrada no Pazo do Hórreo, o conselleiro do ramo, Xesús Vázquez, defendeu a supresión da gratuidade dos libros de xeito universal polo novo sistema, o de "gratuidade solidaria", dirixido "á xente con menos recursos". Vázquez explicou, de novo, que o 65 por cento "poderá ter algunha axuda", de maneira que as familias con ingresos de 5.400 euros anuais por persoa "pagaráselles todo" (o 25 por cento do total), mentres que aquelas situadas no limiar entre os 5.400 e os 9.000 euros recibirán entre o "50 e o 60 por cento" da axuda para a adquisición do material escolar. "Isto si é progresismo e non os 400 euros para todos ou o cheque bebé", contrapuxo en relación ás medidas do Executivo socialista do Estado. Fronte a esta exposición, a deputada do BNG Carme Adán subliñou que familias con 14 pagas de 1.000 euros por proxenitor e cun só fillo "non teñen dereito a axudas", ao contar con ingresos de 9.333 euros anuais por membro. Ademais, calculou que unha familia monoparental cun fillo e con 1,5 veces o salario mínimo interprofesional, é dicir, 11.071 euros anuais, "só ten dereito ao 50 por cento da axuda". Estes son algúns dos cálculos realizados pola parlamentaria do Bloque, aos que se sumou o deputado socialista Guillermo Meixón, que interveu a continuación, e asegurou que este modelo será "máis caro", porque desaparece o sistema de "préstamo". A este respecto, a nacionalista destacou que o préstamo tamén é unha "forma de educar" aos nenos. O representante do PSdeG asegurou que o aforro deste ano se debe a que "aínda son efectivos os préstamos" dos anteriores exercicios. Desta forma, o socialista reclamoulle ao conselleiro de Educación que "non venda mentiras" e recoñeza que este sistema será "máis caro", ante o que o xefe da política educativa galega aseguroulle que se aforrarán tres millóns de euros cada ano, tras os 20 millóns deste exercicio.
Estudantes nunha aula.
O mandatario da Administración educativa destacou, en primeiro lugar, a integración na consellaría de Educación da Secretaría Xeral de Política Lingüística e garantiu que terá como obxectivo "asegurar o futuro da lingua" en todos os ámbitos, non só o educativo.
A este respecto, o conselleiro contrapuxo a súa política que será "de consenso e liberdade" coa realizada polo bipartito nos últimos anos, que cualificou de "imposición". Ante esta declaración, o deputado socialista permitiuse "desconfiar" da palabra "consenso" do mandatario autonómico, posto que cualificou "de remuíño de ideas" o plan de normalización elaborado por acordo de todos os grupos parlamentarios.
Pola súa banda, a deputada nacionalista preguntouse como vai garantir a "competencia plena" en materia de lingua para os alumnos e advertiulle de que o BNG "non pon diques" ao multilingüismo. O popular Román Rodríguez, polo seu lado, censurou o "seguidismo" dos socialistas á política de "imposición" do BNG.
A modo de conclusión, Carme Adán utilizou a nota de "necesita mellorar" (outorgada en Educación Primaria) para advertirlle ao conselleiro de que "necesita rectificar" en materia lingüística. O deputado socialista, pola súa banda, outorgou un "suspenso en xuño" polas medidas implementadas, aínda que dixo esperar colocar un "aprobado en setembro".
O conselleiro de Educación compareceu hoxe na comisión para explicar as liñas de traballo do seu Goberno, algo que os grupos de oposición criticaron por telo feito cando xa terminou o curso escolar. Así, interpretaron que quería "evitar o balbordo" que se podería formar nos centros -en palabras de Meixón-, a pesar da "confusión" de profesores e pais -lamentou Adán-.
Xesús Vázquez explicou que o eixo da súa política será a "integración e flexibilidade", a aprendizaxe de varias linguas e o impulso dos comedores escolares, transporte escolar e programas para potenciar o uso das novas tecnoloxías desde as idades temperás.
Así mesmo, referiuse á última convocatoria de prazas para Educación Primaria (740 postos), á que se presentaron perto de 5.500 aspirantes. Tamén indicou que recollerá a petición de incluír a materia de xeoloxía e adaptar a formación á "demanda de emprego", sobre todo, "en época de crise".
No canto ao profesorado, o titular da consellaría buscará a "excelencia" e que o persoal adáptese" aos cambios existentes, de maneira que se elaborará un plan de formación do profesorado, que tamén incluirá a mellora das competencias lingüísticas. Prevé, así mesmo, potenciar os servizos de orientación.
Ademais, na súa exposición, na que se mostrou moi crítico coa política educativa desenvolvida polo bipartito, Xesús Vázquez comprometeuse a elaborar unha Lei de Universidades de Galiza "ambiciosa e froito do consenso".
Tamén prometeu un novo plan de financiamento e a "plena integración" no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Neste ámbito, asegurou que se revisará e adaptará" a oferta e a demanda con vistas á incorporación dos estudantes ao mercado laboral.
Polo seu lado, o deputado popular Román Rodríguez pediu ao conselleiro de Educación que se aparte da herdanza do bipartito, da súa demagoxia e do seu populismo antisocial; que se aparte da imposición dogmática do BNG e das subidas de taxas universitarias".
En contraposición, reclamou que "devolva o valor que ten á educación e que escoite as críticas se son boas e construtivas e non faga caso dos que non queren ver os seus defectos", en referencia velada á oposición.
Fronte a estas palabras, o BNG e o PSOE defenderon o legado que deixan ao Goberno do PP, con 6.000 prazas para a educación de 0 a 3 anos, 8.000 prazas en comedores escolares, un aumento do 10 ao 100 por cento en conexión a Internet nos centros ou o paso de 179 a 1.475 en encerados dixitais.
Descargar Tarifas