Redacción . O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, cifrou hoxe en 360.000 euros anuais o aforro que suporá para as arcas públicas a venda por parte da Xunta de 23 vehículos oficiais.
Antonio Rodríguez Miranda, portavoz do PPdeG.
En rolda de prensa en Santiago, o portavoz 'popular' entendeu que se o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, mantén a súa postura "non pode ser o responsábel da xestión dos fondos públicos", polo que o retou a "rectificar" ou precisou que se consolidará como digno sucesor da política de malgaste de Touriño".
A modo de crítica a esta "política de malgasto" do anterior Goberno galego, apuntou que "só" o coche presidencial da Xunta –que denominou 'Audi Force One'– tivo un custo de 480.000 euros e que supuña un gasto anual de 80.000 euros entre cambios de pneumáticos, gasolina, seguro, imposto de circulación e peaxes. No caso dos 22 coches restantes, o seu custo anual alcanzaba os 280.000 euros por ano.
Detalle de gastos
En canto ao Audi A8 que utilizaba o ex presidente Emilio Pérez Touriño, o portavoz do PPdeG detallou os seus "severos e tremendamente abusivos gastos" e comparounos cos do novo vehículo utilizado por Feixóo, un Citroën C6.
En primeiro lugar, referiuse aos pneumáticos para evidenciar que cada roda do Audi custaba case 1.100 euros e que, en 14 meses, gastáronse neste apartado un total de 42.000 euros, posto que se cambiaban cada 11.000 quilómetros". "As rodas do coche de Feixóo custan 196 euros cada unha", sinalou, á vez que salientou que "custan seis veces menos".
En canto ao combustíbel, sinalou que o A8 ten un consumo de 22,5 litros aos 100 quilómetros, similar ao do Hummer H3 –un "supertodoterreno”– un Rolls Royce Phantom –unha "gran limusina”– ou un "superdeportivo" de Ferrari. "O de Feixóo consome oito litros aos 100", contrapuxo, e indicou que o anterior vehículo alcanzou un custo de 15.000 euros en gasolina.
A Feixóo cústalle o seguro 1.000 euros
No apartado do seguro, comparou os 12.000 euros anuais do "superautomóbil presidencial" cos 1.000 do C6 presidencial e criticou que a cantidade empregada na póliza é "o diñeiro que utiliza un galego para comprar un coche".
Deses 69.000 euros detallados, completou con 2.000 euros en peaxes, o gasto de mantemento e o imposto de matriculación os 80.000 euros do custo total que denunciou do vehículo utilizado por Touriño. "Os seus actos xa tiveron o peor castigo: perder as eleccións", concluíu Rodríguez Miranda.
Descargar Tarifas