Redacción . A Audiencia acordou hoxe por ampla maioría arquivar a investigación iniciada polo xuíz Fernando Andreu contra sete responsábeis militares de Israel.
Cadáver dunha cativa palestina en Gaza.
A xustiza española investigaba os militares por un bombardeo perpetrado polo Exército hebreo na Franxa de Gaza o 22 de xullo de 2002 no que morreron 14 civís. Así, o Pleno admite o recurso de apelación presentado pola Fiscalía contra o auto que Andreu ditou o pasado 4 de maio de 2009 para continuar coa investigación, e decreta o arquivo definitivo destas dilixencias.
A decisión conta con varios votos particulares discrepantes. No entanto, poderá ser recorrida en casación polas asociacións que exercen a acusación ante o Tribunal Supremo.
Nos seus argumentos o Ministerio Público reprocháballe ao xuíz Andreu carecer "dun mínimo rigor sistemático xa que examina primeiro a competencia de España nestes feitos para despois determinar se existen procedementos xudiciais noutros países por estes mesmo feitos".
O xuíz Andreu xustificaba a súa decisión de seguir instruíndo a causa argumentando que as autoridades israelís non efectuaron, polo momento, investigación ningunha sobre os feitos nin por parte das Fiscalías nin por parte do alto tribunal.
Descargar Tarifas