
O que recordo do soño é que nunha mesma hora Carlos Mouriño presentaba dúas fichaxes que me facían moita ilusión: Paulo Couñago, procedente do Ipswich Town, e Ricardo Cabanas, do Grasshoppers suízo. Logo acordei e decateime de que toda aquela ledicia quedará niso, nun soño.
Couñago foi o meu ídolo cando tiven anos para votar. Tiña orgullo por aquel rapaz de Redondela que viña de gañar o mundial sub-20 en Nixeria'99 e que era profundamente desprezado polo daquela adestrador celeste Víctor Fernández. Recoñezo que tivo oportunidades de destacar nos seus exilios en Huelva ou Soria e que foi unha opción fantástica a súa marcha ao fútbol inglés. Daquela, o Ipswich xogaba a Copa da Uefa e xunto ao galego estaba Finidi, por exemplo. O contrato foi moi gorentoso e aí están as estatísticas que demostran que foi un futbolista valioso no equipo, e que segue a selo; non en van fichárono novamente tras outro fiasco en España, desta volta no Málaga.
Con todo, a min quedoume sempre a pena de non poder velo xogando no Celta. Aínda teño esperanzas, máis alá dun soño. As necesidades do club obrígano a mirar para adentro, a encontrar no propio sentimento celtista a solución a todos os medos: o descenso, a desaparición, o baleiro de Balaídos... Por iso me gusta que Joselu e Iago Aspas estean no primeiro equipo, por iso me gustaron as fichaxes de Trashorras e Noguerol o ano pasado. Necesitamos crer en nós mesmos. Desgraciadamente, cando hai cartos no peto e ansias de figurar a cobadazos entre os mellores de España, collemos o atallo e queremos fichar xogadores que atraian flashes e ilusión. Paréceme unha xogada de marketing obvia pero non sempre axeitada. E Couñago é exemplo de todo iso. Non teño nada en contra de que os xogadores galegos busquen o salario fóra, é o normal nun mercado mundial e só hai que ver cantos brasileiros de entre os internacionais xogan no seu país. Pero deume certa mágoa que nunca acabásemos de ver, na casa, cómo xoga ese rapaz.
O caso de Cabanas é ben diferente. Non é un xogador criado no fútbol galego senón no suízo. Internacional polo seu país e moi querido no Grasshopper de Zúric. Pero o seu exemplo é o da galeguidade, é unha metáfora da nosa propia sociedade nos últimos 50 anos. Fillo de emigrantes de Carral, fala o galego de corrido e non ocultou nunca o seu desexo de probar en Galiza antes de que sexa demasiado tarde.
Penso agora, xa esperto, o que pensou Rodri Suárez nunha información publicada por A Nosa Terra meses atrás: cánto ben fixo a recuperación da selección de fútbol para facer visíbeis os nosos xogadores, converter nomes en homes, lendas en realidades. Que ninguén esqueza a valiosa achega dese "modestiño" partido de cada Nadal que custou mundos estabilizar e incluso xogar.
Sei que en ambos os casos, estas fichaxes son só de soño, non porque estea a pensar en fichar a Ribéry e Nasri, senón porque a axenda de Miguel Torrecilla vai por outro camiño, xa a estas alturas da post tempada. Até agora espremeu o limón dos seus contactos, coa contratación de tres homes da súa confianza: López Garai, Catalá e Bustos. Agora supoño que chegará a hora dos estranxeiros e dos cedidos. E todo dependerá para seguir asinando quen marche de Balaídos. Ghilas, Dani Abalo e Rosada seica teñen ofertas; Danilo, Notario e George Lucas son transferíbeis.
Cando volva das miñas longas vacacións, falaremos de como quedou a cousa. Está ben, se a situación o requirise, conectarei o módem do meu jet privado e escribirei unhas liñas.
Descargar Tarifas