Europa Press . A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou dous novos casos de discriminación relacionados co uso da lingua galega en senllos centros hospitalarios de Ferrol que están integrados no Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Ambos os casos, segundo A Mesa, tiveron lugar a finais do mes de maio nos hospitais Arquitecto Marcide e Naval cando dous facultativos diferentes "se negaron a atender oralmente en galego a un paciente que así llo solicitou formalmente, facendo uso do seu dereito a recibir atención na lingua propia", que ademais tamén o é "do Sergas". Ao solicitar o formulario de queixa, os usuarios atopáronse con que só se lle facilitou un modelo en castelán, o que contradí o disposto na Circular 5/97 da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Sanidade. O afectado puxo en coñecemento da xerencia territorial do Sergas e da propia consellaría a situación e tamén se dirixiu á Mesa, que se puxo en contacto coas instancias correspondentes para pór no seu coñecemento os casos recibidos e coñecer as medidas que se aplican para resolvelos. A Mesa aproveitou para animar a toda a cidadanía a utilizar a Liña do Galego, unha liña telefónica que atende calquera situación de discriminación ou vulneración dos dereitos lingüísticos. A asociación en defensa do galego considera "fundamental" que se dean a coñecer publicamente "todas as situacións nas que o uso normal do galego é imposíbel ou nas que se converte nunha verdadeira carreira de obstáculos", sentenciou.
Camas nun hospital galego
Descargar Tarifas