Europa Press . Unhas 50 explotacións lácteas da comunidade afrontan na actualidade senllos expedientes de embargo ao non poder asumir o pago dos créditos pendentes por mor da caída de prezos en orixe do leite, segundo denuncian representantes das tres organizacións agrarias -Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego- e a Asociación galega de Cooperativas (Agaca).
Nunha rolda de prensa para informar sobre os detalles das tractoradas programadas entre o 13 e 17 de xullo, o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores, Xoán Pérez Sánchez-Orozco afirmou que no que vai de ano "se viron obrigadas a pechar 1.000 explotacións lácteas en Galiza". Nesta liña, sinalou que se está a rexistrar unha nova realidade, descoñecida até a data: "a falta de pagamentos no campo". No caso de Lugo, as protestas concentraranse na chaira do pavillón municipal do Pombal, nas proximidades dun estabelecemento de Carrefour. Alí organizaranse distintas accións ante as cadeas de distribución comercial e industrias, que complementarán as manifestacións que se celebren na cidade. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, concluíu que se chega a estas tractoradas "como consecuencia dun ano de fracasos nas negociacións". "É unha mobilización pola supervivencia", resolveu. Así mesmo, García manifestou que "por primeira vez na historia do sector lácteo en Galiza" o "cento por cento" das explotacións pechan as súas mensualidades con perdas. Nesta liña, indicou que os prezos percibidos polo litro de leite en maio obrigaron ás explotacións a compensar cos seus aforros entre 600 e 1.200 euros para facer fronte ás perdas.
Cartel reivindicativo nunha das últimas tractoradas.
Descargar Tarifas