O teatro colonial portugués en África non lles deu cabida nin cobertura a creacións escénicas diferentes aos canons estabelecidos. Cabo Verde foi unha das colonias portuguesas que soubo adaptarse ás circunstancias para inculcar un teatro soberano e emancipador. Mário Santos, profesor do Liceu Adriano Moreira, en Praia, nos anos 60, comezou un traballo con seus alumnos un tanto especial.
Jaime de Figueiredo (1906-1974), foi un dos primeiros dramaturgos que argumentou unha obra con tintes folclóricos, para saltar a censura, titulada: “Terra da sôdade”, publicada na revista Atlántica de Lisboa en 1946. A obra de teatro orixinariamente caboverdiana débeselle ao ensaísta e poeta, Osvaldo Osório (1937), que irrompeu no teatro insular coa súa obra Gervásio (1977), de matiz brechtiano. Unha obra aperturista que lle abriu as portas a un teatro nacional. Outro dramaturgo interesante é Kaoberdiano Dambará, autor de Os Disanamados para os Infernos.
Danza e poesía tiveron seu espazo no teatro, dunha maneira nada inocente, con insinuacións sociais. O grupo Korda Kaoberdi formado por estudantes e traballadores representaron varios temas baseados na literatura oral. Neste predominio de autores xorden unha serie de grupos como o JAAC e Mar-Av-Ilha.
Como persoas notábeis no organigrama do teatro nacional de Cabo Verde hai que destacar a Evaristo Abreu, Gilberto Mendes, Adelino Caracol e Maria João Gonot, responsábeis de diversos rexistros do teatro deste arquipélago.
Concibindo toda esa estrutura dinámica con que conta o teatro de Cabo Verde, cabe significar a grandeza de moitos dos seus actores e actrices. Un deles é César Lélis, de recoñecida proxección internacional e que leva mais de 30 anos consagrado ao teatro. Recibiu o Prémio de Mérito Teatral 2009. Un dos grandes galardóns que se outorgan no mundo do teatro caboverdiano. Fundador do Grupo de Teatro Juventude en Marcha.
Lélis é tratado tanto polo público como polos críticos da escena como un dos grandes actores pola súa espontaneidade; por exhibir un estilo singular, sen sofisticación nin artificio. A espontaneidade é un dos atributos mais auténticos que lle dan vida á beleza dos xestos e dos ritmos. Nesa espontaneidade reside a creatividade orixinal de mensaxes emitidas a través dos xestos que nos fai intuír un desenlace determinado. Por estes dous conceptos sinalados hai un terceiro que define a personalidade escénica de César Lélis: a comunicación. E, talvez isto sexa o mais esencial dun actor que vai alén do que o director ou o guión esclarecen. Por iso que velo actuar, fundamentado na súa propia convicción e puntualidade, decatámonos dun actor con talento e sensibilidade ante un público vibrante ante as súas accións creativas.
Descargar Tarifas