Europa Press . O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, avogou hoxe por un galeguismo 'aberto á pluralidade social' e 'maioritario', á vez que rexeitou 'a tentación de facer del un reduto selectivo' por parte de 'algúns que llo reparten con avaricia'.
Alberte núñez Feixóo, na entrega das Medallas Castelao.
Así se manifestou o xefe do Executivo autonómico, durante o seu discurso na entrega das Medallas Castelao, que este ano recoñeceron cinco "ilustres galegos" polo seu "traballo, entrega e patriotismo" no ámbito da cultura e a ciencia, que constitúen un "exemplo vivo dunha Galiza gloriosa".
Así, na compostelá Igrexa de San Domingos de Bonaval –no Museo do Pobo Galego, xunto ao panteón no que xacen Daniel Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro–, Feixóo impuxo as medallas ao xornalista e doutor en Xeografía e Historia Marcos Valcárcel; á profesora e doutora en Farmacia Tarsy Carballas; ao médico internista Fernando Diz Lois; ao médico e etnógrafo Luciano García Alén e ao tradutor de inglés e chinés Fernando Pérez-Barreiro.
Precisamente, Pérez Barreiro foi o encargado de agradecer a distinción, en nome de todos os galardoados, motivo polo que se mostrou "moi honrado". "Baixo o labor das nosas distintas tarefas existe un elemento común: a dedicación a Galiza", sinalou o autor da primeira tradución ao galego dunha obra teatral de Shakespeaere.
“Galeguismo cordial”
Pola súa banda, Feixóo fixo mención ao traballo e á investigación agrobiolóxica de Carballas, "que permite coñecer mellor o humus dos galegos", dixo, en relación ao seu estudo do chan e da ciencia forestal.
De Diz-Lois, encomiou a súa devoción médica, que considerou un forma de galeguismo, do mesmo xeito que "a inquietude que latexa no labor humanista de García Alén", a "intelectualidade elegante" de Marcos Valcárcel ou o galeguismo "políglota e cosmopolita" de Pérez Barreiro.
Nesta dirección, criticou os intentos de "reducir" esta selección de galegos ilustres "a un só arquetipo de galeguismo", e concluíu que tampouco se pode facer cos cidadáns", xa que a democracia debe buscar "puntos de encontro".
Para Feixóo, "non hai unha forma única de entender o amor á terra", polo que considerou necesario "render tributo ao galeguismo cordial revestido de historia", o que, ao seu xuízo, "fará desvanecer calquera risco de dous Galizas enfrontadas".
Descargar Tarifas