Redacción . O intelectual e histórico do nacionalismo galego Xosé Manuel Beiras recibe hoxe o Premio Trasalba, que concede a Fundación Otero Pedrayo, pola súa 'vida entregada xenerosamente a Galiza' en todas as dimensións.
Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre.
A comisión de goberno da fundación valorou a súa traxectoria vital, subliñando a súa dimensión intelectual, cívica e de pensamento, motivo polo que Beiras será o homenaxeado na XXVII edición deste premio, cun galardón que deseñou Isaac Díaz Pardo especialmente para a ocasión.
Ademais, a Fundación Otero Pedrayo entrega un Libro Homenaxe á personalidade homenaxeada que, nesta ocasión, leva o título de 'Xosé Manuel Beiras. Compromiso coa Terra'.
O encargado de realizar o 'laudatio' será, nesta ocasión, o presidente da Real Academia Galega (RAG) e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xosé Ramón Barreiro Fernández. Neste evento, que comezará sobre as 13.00 horas, tamén se presentarán os últimos dous libros escritos pola fundación, 'Catálogo de publicacións seriadas da Biblioteca Otero Pedrayo' e 'Paisaxe e Cultura'.
Como remate do acto, terá lugar un concerto a cargo de Luís Soto, profesor da Real Filharmonía, e Tomás Camacho, concertista de guitarra. Interpretarán as pezas 'Gymnopedie número 1', de E.Satie e 'Negra Sombra', de J. Montes.
Comida e misa votiva
Tradicionalmente, na festa de Trasalba, en Amoeiro, celébrase unha misa votiva en memoria de Otero Pedrayo e unha comida de confraternidade nun soto próximo á casa grande de Cimadevila.
Desta forma, a memoria de Ramón Otero Pedrayo volverá convocar unha nutrida representación da cultura galega na casa grande da parroquia de Trasalba para homenaxear, nesta ocasión, o político, ensaísta e catedrático de economía Xosé Manuel Beiras.
O Premio Trasalba foi instituido hai 26 anos e, neste tempo, foron galardoados desde o propio Isaac Díaz Pardo aos escritores Xosé Neira Vilas ou Xosé Luís Méndez Ferrín. En 2006 concedeuse ao grupo Milladoiro, que obsequiou a fundación un tema orixinal titulado 'Trasalba' e que, desde entón, converteuse no himno desta festa literaria.
Descargar Tarifas