Europa Press . Máis dun centenar de persoas mobilizáronse hoxe en contra do 'acoso policial' que sofre a poboación inmigrante en situación irregular e do Anteproxecto de Reforma da Lei de Estranxeiría que, ao seu xuízo, 'presenta aspectos que supoñen un claro prexuízo para os dereitos fundamentais deste colectivo'.
Inmigrantes e policía.
A marcha iniciouse na Alameda, en Santiago de Compostela, e concluíu na Praza das Praterías, na zona antiga da cidade, onde os representantes do Foro Galego Inmigración leron un manifesto a favor dos 'Dereitos iguais para todos'.
"Rexeitamos que a Unión Europea se converta nunha fortaleza inexpugnábel para aquelas persoas que, co obxectivo de conseguir unha vida mellor, se ven obrigadas a abandonar o seu país", demandaron, porque "os inmigrantes deben ser tratados como persoas e non só como forza de traballo que interesa unicamente cando a situación económica os necesita".
Finalmente, os membros do Foro afirmaron con "rotundidade" que "a inmigración é un proceso beneficioso", posto que "non só supón unha achega económica" senón "un mutuo enriquecemento humano".
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística publicados en xaneiro de 2009 e recollidos pola organización da marcha, unha de cada dez persoas que habitan no Estado español é inmigrante.
Descargar Tarifas