PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Así vén de decidilo a RAG
Uxío Novoneyra, autor do Día das Letras do 2010

Redacción .  Finalmente, o poeta do Courel será o próximo homenaxeado no Día das Letras Galegas. Así o vén de decidir nunha sesión extraordinaria a RAG.

Reloxo 27.06.2009 | 14:46

Uxío Novoneyra Uxío Novoneyra

No ano no que se cumpre o décimo aniversario da súa morte, Uxío Novoneyra será o poeta homenaxeado no Días das Letras Galegas. O escritor do Courel impúxose aos demais candidatos, entre os que se atopaban os poetas Fiz Vergara Vilariño e Eusebio Lorenzo Baleirón, Filgueira Valverde ou o polifacético escritor, poeta e político Valetín Paz Andrade. A posibilidade que cobrou forza nos últimos tempos foi a do intelectual Ricardo Carvalho Calero, que contou co apoio institucional brindado polas concellarías de Cultura de Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e A Coruña. 



O pasado mes de abril Amigos de Uxío Novoneyra entregáronlle ao presidente da Real Academia máis de mil sinaturas, entre as que se atopaban a do tamén escritor Agustín Fernández Paz –"Chegaría un único verso para apoiar a candidatura ('Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!')"–, e a do cantautor Miro Casavella.

"Méritos contraídos"

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, afirmou que Uxío Novoneyra ten "méritos contraídos" para que se lle dedique o próximo 17 de maio. Foi un "excelente poeta, galeguista e profundamente democrático", engadiu. A elección foi case por unanimidade, cun único voto en branco.

Bernardino Graña membro electo da RAG

Ademais, a reunión da Academia tivo outro punto, o ingreso do escritor cangués Bernardino Graña como nova incorporación á institución.

O poeta do pobo

Fillo dunha familia labrega, o poeta que naceu como Eugenio Novoneyra no Courel o 19 de xaneiro 1930 tivo como principal referente físico a paisaxe montesía do Courel. O poeta tomou contacto coas letras sendo estudante de bacharelato. Nesa época coñeceu a Manuel María, co que frecuentou o trato de intelectuais da xeración anterior, como Luís Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega. Con 19 anos, trasladouse a Madrid onde se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras e regresou en 1951 para facer o servizo militar.

Por mor dunha pleuresía que o tivo a un paso da morte, entre 1953 e 1962 Uxío Novoneyra volveu vivir no Courel. Nesta obrigada reclusión coñeceu a María Mariño e o seu marido Roberto Pose, un encontro que deu lugar a unha das máis frutíferas relacións literarias de Galiza.

No 1962, traballou en programas de radio e televisión en Madrid e participou nalgunha das actividades do grupo Brais Pinto até o seu regreso a Parada en 1966. No 1973 casou con Elba Rei, coa que tivo tres fillos, e coa que vivía entre o Courel e Lugo até que se instalaron definitivamente en Santiago no 1983. No 1982 Novoneyra foi elixido Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou até a súa morte, ocorrida o 30 de outubro do 1999.


O poeta e a comunicación co pobo

A súa entrega e a súa preocupación pola comunicación co pobo, levaron a Uxío Novoneyra a escribir "Vietnam Canto" ou "Letanía de Galicia". Mantivo en toda a súa obra o compromiso nacionalista e marxista, preocupado ao tempo pola linguaxe e o resultado visual e sonoro do poema.

Entre os seus libros destacan Os Eidos (Galaxia, Vigo, 1955), con prólogo de Ramón Piñeiro, Os Eidos-2 (Galaxia, Vigo, 1974), ilustrado por Laxeiro, ao que lle dedica un extenso poema, ou Poemas caligráficos (Brais Pinto, Madrid, 1979), que recolle poemas publicados con anterioridade pero artisticamente mostrados a través da caligrafía do autor. En Muller para lonxe reúne algúns poemas de amor xa publicados e outros inéditos, ilustrados con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio Rodríguez Fer. O poemario Tempo de elexía (Vía Láctea, Oleiros, 1991) recolle esencialmente Elexías do Courel (Rialp, Madrid, 1966).

Os dous últimos poemarios de Uxío Novoneyra foron Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994) e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (Hércules de Ediciones, A Coruña, 1998).

 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río