PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Atlantica Memoria (III)
O xeneral Taranco: corte e estado maior
O 6 de xuño de 1808 os Exércitos españois de ocupación e un segmento importante da sociedade local, protagonizaron no Porto a primeira insurrección armada anti-napoleónica de Portugal.
 26.06.2009 | 19:21

Un día antes, a moitos quilómetros de distancia, Mariano Luís de Urquijo, talentudo ex ministro de Carlos IV, metido de cheo en irreversible proceso de afrancesamento, sometía á súa Maxestade Imperial e Real, Napoleón Bonaparte, emperador de Francia e rei de Italia, unha serie de Reflexións de marca.
 
Trataban asuntos cruciais e diversos relacionados con España. Non teñen desperdicio. Vexamos esta:
 
   En España, todos los gobiernos están en manos de los militares, y militares sin instrucción, de donde resulta la necesidad de darles jueces letrados para que puedan consultarles. Este abuso entraña doble gasto y da lugar a un despotismo secundario. Su Majestad conoce mejor que nadie la necesidad de división de poderes. Yo no sé si se dice en la Constitución (refírese á afrancesada de Baiona, primeira da Historia de España, en vesperas de proclamarse) que sólo las plazas fuertes tendrán gobernadores militares y que todos los gobiernos de provincias serán civiles.   
 
Do Despotismo Contemporáneo 
(Os Poderes do Estado)

A loita pola primacía do poder civil e a separación de poderes (lexislativo, executivo e xudicial) do Estado empezaba a exporse en España, Portugal e Baiona (Francia). Non era unha loita menor. Nin sequera hoxe, douscentos anos máis tarde (2009), culminou ese proceso de xeito satisfactorio.
 
Do rei abaixo, o dominio da situación por parte dos altos funcionarios (militares) era entón absoluto. Douscentos anos máis tarde os militares (despois das Ditaduras de Franco e Oliveira Salazar) perderon poder político na antiga Iberia; pero o manteñen os funcionarios, omnipresentes nos partidos, na clase político-burocrática e, polo tanto, en todos os Gobernos. A pesar diso, non só dependen estes gobernantes do criterio de xuíces letrados (como os vicerreis de outrora, que tamén presidían as Audiencias Reais), rodéanse dunha lexión de conselleiros, funcionarios a maioría. 

 
Certo: eses poderosos funcionarios-políticos non locen hoxe uniforme, como os militares, os cregos, os golillas ou os académicos de outrora; pero aínda o calzan en fastos e cerimoniais. Por moito que vistan roupaxe común, distan moito de formar parte da Sociedade do mesmo xeito que os demais cidadáns, pagáns de tan custoso andamiaxe. Para máis, cóanse (en número incomparable ao proporcional que representan) na Sociedade representada, a única que debe chamarse con propiedade sociedade civil, polo que tampouco esta pode confundirse coa Sociedade.

Así pois, o dominio de todos os poderes (fácticos e electivos) do Estado por parte de empregados públicos e funcionarios vitalicios do propio Estado, tantas veces casados entre si (dado o novo papel -lóxico, pero inexistente fai 200 anos- das funcionarias-políticas), a íntima conexión cos partidos, unido ao despotismo gobernamental (predominio incomparable do poder executivo sobre os demais poderes do Estado), converte esta cuestión en angular. Incluso nas democracias formais, condenadas (se non existen contrapoderes e controis reais de semellante bloque de poder corporativo) a comportarse como auténticas ditaduras electivas, ao servizo dunha minoría burocrática omnidominante.

Manuel Francisco Taranco de Llano 
(Retrato dun descoñecido)

Manuel Francisco Taranco de Llano non era excepción á regra xeral, sentada por Urquijo. En Galicia actuou como vicerrei ao contar co poder político, xudicial e militar. Todo nun. Un poderío ao que nunca quixo renunciar como gobernador da Lusitania Setentrional, a pesar dos reiterados intentos de Junot por limitar as competencias, ata poñelo de cheo ao seu servizo e ás ordes do emperador de Francia.

Con todo, sendo certo o que escribiu Urquijo, non se pode dicir de Taranco que (por estar falto de formación xurídica) estivese falto de instrución. 
     Distaba moito de ser un incompetente. Era un home experimentado, con idiomas e cultura internacional. Curtiu nun campo de experiencias persoais que para si quixeran a maioría dos gobernantes-burócratas do noso tempo. 
    

Enxeñeiro militar, tiña boa formación básica de corte científico e matemático e longa experiencia diplomática e gubernativa; pero era, sobre todo, un militar profesional. Con prestixio e orgulloso de selo.

Dadas as circuntancias e antecedentes, non pode estrañar a predilección que sentía por el Manuel Godoy (“esforzado coronel y amigo mío de toda la vida”, escribe nas Memorias, ao resaltar o comportamento nas afastadas guerras do Rosellón e Cataluña, 1793-1795). Tampouco sorprenderá o orgullo con que un lonxano parente, o conde de Toreno, recolle os eloxios portugueses á súa xestión no Porto, “modelo de prudencia e cordura” (escribe Toreno), previdente e moderada (segundo un informado historiador portugués).

Ata a figuración adxunta, realizada por Xosé Comoxo (2009), non dispuñamos de ningunha imaxe que nos dese certa idea gráfica, real ou imaxinaria, do personaxe.

Nacido nos anos corenta do século XVIII nunha casa grande da pequena nobreza burgalesa e biscaíña (a familia ostentaba o señorío de Zaratamo no momento de morrer), Taranco, o esforzado de Godoy- foise facendo a si mesmo, despegado da tutela do maiorazgo. E esa é unha novidade que empezaba a ser bastante normal no Exército regular español. Ata en militares da súa idade e do seu rango. Unha evolución que aínda se percibe con máis claridade nas escalas sucesivas, caso dos colaboradores máis próximos, trasplantados de Coruña ao Porto.

Como os xenerais da súa idade, Taranco beneficiouse desde a primeira mocidade da experiencia que ofrecía aos funcionarios militares o dilatado imperio colonial.

En América, na primeira madurez, ao formar parte do Exército dunha España que deu apoio á independencia dos Estados Unidos, tivo temperán experiencia do proceso revolucionario norteamericano.

Aprendeu, xa naquel entón, a relativizar a importancia incuestionable, pero diferente, da Revolución Francesa.

Ao seu regreso de América, a familia da nai (que era de relevo) aproveitou as excelentes condicións do mozo. Fíxoo, sobre todo, en dous aspectos, directamente relacionados con esta historia.

O futuro marqués del Llano levouno como agregado á Embaixada de Viena (1785). Iniciouse así na vida diplomática, sen descoidar a formación militar. Coa influencia deste parente, Taranco puido seguir de cerca a loita de rusos e turcos, o mesmo ano da Revolución Francesa (1789). No Porto, locía con orgullo a insignia da Orde Militar de San Jorge de Rusia, creada por Catalina a Grande para distinguir o valor.

Como enxeñeiro militar, interesado na industria armamentística, outro parente próximo da nai, o ministro Antonio Valdés e Bazán (figura eminente da Mariña e insurxente anti-napoleónico de primeira hora) contou coa súa colaboración profesional nos intentos de modernizar as fontes de enerxía da Real Fábrica de Artillería da Cavada. Foi Taranco quen conectou a Fábrica con Wolfgang de Mucha, o soado enxeñeiro militar austríaco. Unha experiencia, por certo, que había de aproveitar en Galicia outra figura tráxica dos acontecementos peninsulares: o marqués de Sargadelos.

No mesmo contexto sobresae unha nova conexión familiar reveladora: o parentesco cos Queipo de Llano de Asturias, Galicia, León e Santander. O bispo de Santander (Rafael Tomás Menéndez de Luarca e Queipo de Llano), figura destacada -xunto ao de Ourense- da máis temperá oposición ideolóxica á Revolución Francesa e ao bonapartismo, formaba parte desta rama. Tamén o citado José María Queipo de Llano, conde de Toreno. Como os marqueses de Campo Sacro, ningún destes parentes foron comparsas. Son auténticos protagonistas da primeira insurxencia anti-napoleónica da Iberia Atlántica.

O Exército Regular Español 
(Os profesionais)

Taranco ascendeu a tenente xeneral na mesma fornada que Juan Carrafa e Francisco Solano, marqués del Socorro (1802), os outros mandos máximos da ocupación franco-española de Portugal.

Dos tres, só Taranco morreu (como veremos) recoñecido e honrado por españois e portugueses; pero non por Junot, nin polo Emperador de Francia. Carrafa estivo moi cuestionado durante anos, e Solano foi asasinado. Dos mesmos, só este tráxico marqués del Socorro locía título de nobreza (con Grandeza de España). En realidade, dos 21 militares que alcanzaron tal nivel nese ano, só 5 lucían título en 1808, sendo dous eles de máxima relevancia posterior, ao formar parte da disidencia aristocrática de Godoy e do consello privado do futuro Fernando VII (fernandistas de máximo rango, xa que logo): os duques de San Carlos e Infantado. O xeneral Castaños, outra figura destacada da insurxencia anti-napoleónica e das guerras peninsulares, non recibirá o título de duque de Bailén ata 1832.

Para Taranco, pois, como para Castaños e a maioría deses novísimos xerais da era Godoy a ausencia de títulos resaltaba a profesionalidade militar. Era o seu orgullo e un motivo de tensión coa Alta Nobreza. A clave do poderío que ostentaba e a principal fonte de ingresos. Outra nota de distinción que tamén caracterizaba aos integrantes máis destacados da cúpula de mando que a Capitanía de Galicia desprazou ao Porto. Un Estado Maior auténtico, antes de que Joaquín Blake (que era un dos seus mariscales máis innovadores) crease este corpo no Exército español.

Domingo Belestá, Antonio Alcedo, Joaquín Blake, Gabriel de Méndizábal, Nicolás Mahy… ou o seu edecán, que era marqués de Santa Cruz de Ribadulla, xa eran militares de relevo; pero estaban chamados a xogar papeis de enorme importancia na vida galega e española dos anos de guerra. Compuxeron unha corte político-militar de luxo. Dan idea -ao propio tempo- da importancia estratéxica da Capitanía galega. Sobre todo se se recorda que o marqués de La Romana levara con anterioridade, na lendaria expedición napoleónica aos Mares do Norte, outros rexementos de elite, radicados en Galicia, baixo o mando dos que serían no retorno os seus lugartenentes: o tráxico Joaquín Miranda, conde de San Román ou Joaquín Moscoso... 

    

Así pois, os 44 días de Goberno de Francisco Taranco na Lusitania Setentrional non poden separarse destes antecedentes e, sobre todo, dos catro anos de xestión á fronte da Capitanía do Reino de Galicia (1803-1807).

Acción cultural 
(Entre Coruña e O Porto)

A fama do xeneral Taranco correu máis que o seu Exército. Foi a mellor tarxeta de presentación do novo gobernador xeral da Lusitania Setentrional.

Os cónsules radicados na Coruña fixeron o prodixio. Pasaron a información aos correspondentes do Porto, creando unha expectación nunca defraudada en militares, clérigos, comerciantes, industriais e xentes de cultura.

A experiencia de Goberno do vicerrei tamén fora dilatada. Como militar e como enxeñeiro, deixou sinais do seu paso polo Ampurdán, na guerra contra Francia. Foi, anos máis tarde, gobernador militar en Lérida e Xirona.

De entón procedía a relación profesional e amigable de media vida con quen estaba chamado a ser o seu lugartenente e un dos continuadores da política portuguesa: Domingo Belestá, incorporado á Capitanía galega en 1807 como inspector de fortificacións.

Enxeñeiro militar, director da Real Academia de Matemáticas de Barcelona, Belestá será un dos protagonistas máis destacados da insurrección anti-napoleónica do Porto, ao responsabilizarse da acción armada do 6 de xuño de 1808…

Taranco chegara de Biscaia a Coruña en 1803. Potenciou desde o primeiro momento as afeccións científico-matemáticas pre-existentes entre os colaboradores máis próximos.

Non temos por casual que a famosa expedición Balmis, de resonancia internacional, coa vacina contra a virola como punta de lanza, partise do porto coruñés cara a América na corveta María Pita, patrocinada por Carlos IV, aos poucos meses da súa chegada. A instalación da primeira imprenta estable na cidade, a dotación da cátedra de matemáticas e debuxo na Escola de Náutica e a apertura (con felicitación pública de Godoy) da Biblioteca do Consulado do Mar, foron outras tantas innovacións de alcance histórico. Significativas e perdurables.

O Consulado viviu con Taranco e os seus colaboradores unha das fases de maior brillo. Non é raro, pois, que fosen os cónsules, radicados en Coruña, os primeiros que fixeron notar aos correspondentes do Porto e Lisboa a relevancia intelectual e política do capitán xeral, e a alta cualificación profesional e cultural dos acompañantes.

Sen coñecer canto vai dito e sen suxerir a importancia desa corte que Taranco foi convocando na Casa da Feitoría sería difícil entender o alcance da política e sobre todo o impacto extraordinario que produciu a súa morte. Un acontecemento ao que prestaremos toda a atención analítica que merece na última entrega deste episodio.

Próxima entrega


Enterro do Vicerrei (Final de Episodio)

 

Versión orixinal: La cueva de Zaratustra

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río