PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
Pepe Blanco, un político galego
 26.06.2009 | 18:11

A primeira vez que Francisco Franco veraneou no Pazo de Meirás pasou por Fene e a corporación municipal de entón acordou adornar con arcos florais toda a estrada xeral para celebrar o paso do ditador pola vila; que nin parou a dar os bos días. Como un novo Mr. Marshall, nos últimos anos da Aznaridade o PP de Galicia celebraba con gran pompa dende o telexornal da Telegaita cada paseo de Francisco Álvarez Cascos por estas terras, ese ministro que tivo a ousadía de definirse a si mesmo como o mellor ministro de Fomento da historia de España, o mesmo ministro que coa intención de comprar o silencio dos galegos logo do Prestige, remexeu uns poucos folios nos que recompilou todos os investimentos xa previstos con anterioridade e lles chamou Plan Galicia, ou o mesmo ministro que deixou travesas esparexidas por diferentes leiras do país afirmando que xa tiñamos AVE; onde vai!

O tempo pasa e, deixado atrás ese esperpento de política, hoxe hai un ministro de Fomento galego, Xosé Blanco, que non di tales cousas –non vai co seu estilo–, pero que transforma en feitos o que outros e outras só trouxeron en forma de fume. A decisión de Pepe Blanco de dicirlles aos galegos simplemente a verdade, de transformar o vello proxecto de tren nunha liña de auténtica alta velocidade que chegue a todas as cidades, incluídas Ferrol e Lugo, de poñerlle fin á vella batalla dos prazos e de finalmente chegar a un pacto coa Xunta de Galicia para colaborar en todo isto, é un acontecemento histórico e clave para o desenvolvemento de Galicia; dos que marcan unha época.

O único precedente parecido foi o momento no que Felipe González apostou por facer realidade a conexión de Galicia coa meseta por autovía, pero para min cunha diferenza, Blanco soubo resolver este asunto con moito máis acerto político do que soubo facer o goberno socialista de entón. Daquela foise a remolque do que reclamaba a sociedade e hoxe Blanco leva a iniciativa, ideou e puxo en marcha un proxecto moito máis ambicioso incluso do comunmente solicitado. Esta é a grandeza de quen leva moitos anos dando mostras de que é un político e un xestor de primeira liña.

A condición de político galego non a dá só unha partida de nacemento, daa sobre todo o compromiso con esta terra e Blanco é sen dúbida un ministro puramente galego. Quen dixo que non ía valer para nada ter un ministro de aquí en Fomento, que o PSOE non goberna pensando en Galicia ou quen tentou desacreditalo referíndose a el simplemente como Pepiño, hoxe debe estar tragando amargamente as súas palabras. En só tres meses, Blanco reactivou dende o Consello de Ministros a política española e a galega, hoxe volvemos falar con ilusión de novos retos para o noso país e aínda quedan tres anos para que remate a lexislatura. Estou seguro de que logo do paso de Pepe Blanco polo Ministerio de Fomento imos poder dicir de verdade, como lle gustaría a Alfonso Guerra, que a Galicia “no la va a conocer ni la madre que la parió”. Todo iso, por certo, sen arcos florais nin pompa no telexornal, simplemente con traballo rigoroso.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río