PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Gustavo Nieves, campión de Europa
‘Os paralímpicos adestramos como os absolutos'

A. C. É campíon de Europa de 5.000 e 10.000 m. de discapacitados visuais. Velaquí o caso do atleta galego Gustavo Nieves, nado en Vilalba, en 1984, aínda que feito deportivamente nas Rías Baixas.

Reloxo 28.06.2009 | 07:32

Gustavo Nieves Gustavo Nieves. Paco Vilabarros

Estar nun podio sempre é difícil. Ás veces non se obtén o recoñecemento do gran público se non se está na primeira liña da alta competición, mentres algúns medios de comunicación non encontran o termo medio para encadralos. Ou ben lles adican unha noticia breve ou os tratan coma se dun circo se tratase ou até con compaixón. Cando un deportista minusválido acada un éxito parece que é menor por moi grande que sexa. Este é o caso do atleta galego Gustavo Nieves, nado en Vilalba, en 1984, aínda que feito deportivamente nas Rías Baixas. Este deportista, que padece retinopatía, ou o que é o mesmo, deficiencia na agudeza visual, vén de acadar tres medallas no Campionato de Europa das súas respectivas modalidades, dúas delas de ouro, en 5.000 e 10.000 metros e a prata nos 1.500 metros. Ademais, Nieves superou o récord do mundo que el mesmo posuía en 10.000.

Estas marcas, xunto aos títulos acadados, convérteno na principal promesa do deporte paralímpico galego cara os Xogos de Londres en 2012. Non obstante, a súa traxectoria non remata cos éxitos no campo dos discapacitados visuais. Este ano proclamouse subcampión absoluto dos dez quilómetros en ruta, sendo tan só superado por Gustavo Platas, aparte de estar entre os 20 primeiros nos ránkings estatais absolutos nas probas que acadou os títulos en Grecia.

Que supuxeron estes éxitos a nivel persoal?

Aparte dunha alegría, cumprir os obxectivos que me marcara para esta temporada. Tiña a mellor marca e o problema era unicamente de quilometraxe. Estaba pendente de que me homologasen a plusmarca que acadara.

Cales son agora os seus obxectivos?

Non distan moito dos de calquera outro deportista. Agora estoume a centrar nas carreiras máis próximas, aínda que hai que comezar a pensar nos campionatos mundiais de Nova Celandia, que non serán até xaneiro de 2011. Alí daquela será o verán. Fanse así para que coincida coa estación solar.

Hai moitas diferenzas entre o deporte considerado normal e o paralímpico?

Penso que non hai moitas, pois eu compito en ambos. No absoluto teño moitos problemas para competir a consecuencia do meu problema físico xa que existe moito contacto corporal e a min lévame moito máis tempo reaccionar que a un atleta normal. De feito, as finais das probas da miña competición específica, nos paralímpicos, tan só as corren oito ou dez. Tamén, nas carreiras longas, estou moito máis limitado que o resto dos atletas polo que comentei antes.

Pero hai que adestrar o mesmo...

Iso é certo. Tes que pasar tanto tempo no ximnasio coma calquera outro atleta, ademais de adestrar nas pistas do mesmo xeito. O que se trata é de equiparar os paralímpicos, cos restantes deportistas, algo que xa sucede practicamente en todos os países occidentais. Aquí é onde temos moito camiño por percorrer.

E de cara as competicións, coñécense ben os adversarios?

Ese é outro dos problemas aos que temos que facerlle fronte. Na alta competición, todo o mundo coñece os ránkings internacionais. Iso non sucede no noso caso. Se cadra, moitos atletas estranxeiros descoñecen as miñas marcas ou que son subcampión absoluto galego. As sorpresas son máis frecuentes. Ademais, agora están a entrar atletas de África que sempre tivo países punteiros no atletismo.

Ten esperanzas fora do ámbito paralímpico?

Ilusións e esperanzas non me faltan despois de acadar os últimos éxitos, pero a verdade é que no campo absoluto a situación está moito máis complicada, xa que o nivel de competición é moi superior e tamén hai moitos máis atletas. Ademais este ano estou sobresaturado de carreiras. No que vai de 2009 estiven xa presente en 23 campionatos.

E en canto a Londres 2012?

Vai estar moi difícil. Xa estiven en Pequín pero abandonei na proba dos 5.000 metros. Ademais, aquí é moi importante o factor que comentaba antes. Careces das referencias oportunas. Nunca sabes con quen vas competir, nin cales van ser os teus principais rivais a bater.

Que lle parece o caso do australiano Oscar Pistorius?

Considero que debe competir en categorías paralímpicas. Nas absolutas debe participar unicamente en mitins e competicións que non teñan carácter oficial. Agora ben, non se pode cualificar o seu caso coma tecnodoping como se chegou a dicir dende algún medio de comunicación. A diferenza do seus rivais, Pistorius vai de menos a máis polas próteses que utiliza, pero non supoñen avantaxe ningunha, xa que a ninguén se lle ocorrería tronzar as dúas pernas para competir en superioridade de condicións. De todos xeitos, ninguén lle pode restar o mérito que ten.

 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río