A Dionisia López Amado e Elixio Rodríguez
As primeiras eleccións ao Parlamento Europeo tiveron lugar o 10 de xuño de 1979. No caso do Estado español, os primeiros comicios celebráronse en 1989, despois da adhesión en 1986. O BNG presentou por primeira vez candidatura en solitario e conseguiu un escano europeo entre 1999 e 2004 tendo como eurodeputado a Camilo Nogueira. En 2004 concorremos coa coalición Galeuscat, coa desagradábel perda do escano despois dun recurso do PP con profundas irregularidades, e que no seu momento denunciamos como 'roubo da presenza do nacionalismo galego na Unión Europea'. Desta volta, o BNG presentouse na coalición Europa dos Pobos-Verdes, xunto con outras forzas nacionalistas de esquerda e ecoloxistas e obtivo representación, un escano, que repartiremos en funcións dos votos entre ERC, BNG, Aralar e Os Verdes.
Sentinme moi honrada de ser a cabeza de lista dunha candidatura elixida con tanto apoio pola militancia do BNG. Fun moi consciente do momento político que viviamos, tanto interno como externo, da ameaza dos índices abstencionistas verbo das eleccións europeas e tamén do momento interno do BNG por razóns que veñen de longo que afastaron a militancia, e tamén do escaso tempo co que contabamos para facer a precampaña. Todos os membros da candidatura traballamos moi duro nesta campaña eleitoral e tamén o portavoz nacional do BNG, os diferentes responsábeis locais e comarcais, os cargos orgánicos e con responsabilidades políticas, as e os militantes.
A candidatura traballou e moito. Percorremos o país, con centos de entrevistas, encontros e actividades para transmitir o programa e recoller demandas e suxestións, facendo política cos pés na terra, como lle cómpre a unha candidatura, para alén dos vergoñentos tirapuxas dos outros partidos maioritarios concorrentes que apenas falaron de Galiza e os seus problemas e propostas para estas eleccións europeas. Rimos, falamos, aprendimos, choramos, comunicamos e escoitamos. Foi moita xente a que nos transmitiu na campaña o apoio, o afecto e solidariedade e dende xa queremos devolvelo do xeito que mellor sabemos: traballando de xeito colectivo polo noso país. Para recuperarnos a confianza cómprenos traballar no mesmo barco, co mesmo rumbo e con todo o equipo.
Aproveito para reiniciar este blog despois dun parón antes da campaña. Quero en especial agradecer sinceramente o apoio recibido e adicarlle o escano europeo que o BNG vai ter no Parlamento Europeo a todas as persoas que nos votastes dentro e fóra de Galiza, e en especial á militancia do BNG, resistente, combativa, ávida de información, que a moita máis tiven a enorme oportunidade de coñecer e tratar nesta campaña en vilas e cidades. Malia o pouco tempo que imos ter dereito oficial a estar, un ano e catro meses, imos traballar políticamente dende o principio, e non queremos que o pouco tempo de representitividade efectiva implique facer un traballo modesto, senón ao contrario. Asumo con humilidade querer representar a Galiza no Parlamento Europeo con valentía visceral, anímica, con razoada esperanza e optimismo comprometido. Voso é o escano, voso, do pobo, porque o pobo é quen decide e quen máis ordena. Nese compromiso vai traballar a vosa futura eurodeputada, organizando un sistema de traballo de contacto permanente coas comarcas do BNG, cos sectores produtivos, sociais, ecoloxistas, cos movementos sociais, cos medios de comunicación,... coas mulleres e homes galegos que se sintan representados en nós na Eurocámara. Voltei a Bruxelas xa o 9 de xuño, para reanudar o traballo, preferiiría non parar a repousar porque a crise e os problemas da xente tampouco paran. Aínda estou estes días na oficina do PNV, aos que lle agradezo privada e publicamente a colaboración prestada, en nome do BNG, tanto ao eurodeputado Josu Ortuondo, como ao seu equipo, e por suposto lembrando unha figura inesquencíbel que tivo moito a ver con este traballo conxunto, Gorka Aguirre, recentemente falecido, quen fora o seu responsábel de Exteriores.
Nestes dias pasados, empezamos a organizar o grupo parlamentar, Verdes-Alianza Libre Europea e tocoume participar polas responsabilidades políticas na ALE en diversas reunións para falar con deputados e deputadas que aínda non estaban adscritos-as a ningún grupo para que entrasen no grupo, como o caso do Partido Pirata ou outros. Tamén resolvemos co cabeza de lista no Estado da nosa coalición eleitoral, Oriol Junqueras de ERC, toda a tramitación como novo deputado, e negociamos as futuras comisións e delegacións nas que estaremos. Un camiño que nós, como BNG xa levamos andado polos anos de experiencia que temos aqui. Tiven ocasión de estar xa cos membros antigos e novos do grupo parlamentar, en especial cos novos membros de Europe Ecologie, lista que se apresentou no Estado francés, e na que sairon elexidos entre outros o noso compañeiro nacionalista corso François Alfonsi e tamén José Bové, a quen lle trasladei a situación dramática que vive o sector lácteo en Galiza.
O Grupo Verdes-ALE pasa de 42 membros a 55 a día de hoxe, sendo sete da ALE de Letonia, Flandres, Escocia, Gales, Córsega e o escano noso compartido. Copresídeno Daniel Cohn-Bendit e Rebeca Harms e o subgrupo da ALE agora presidido por unha muller, a galesa Jill Evans. Aproveitei tamén a vinda a Bruxelas de representantes de Feiraco para recibilos no Parlamento e acompañalos á entrega do premio de Innovación das Cooperativas Europeas. Por certo, non habia ninguén do PP nin do PSdG, o que xa é indicativo da importancia que lle dan ao noso sector lácteo. Non podemos pois esperar ao noso tempo de mandato, senón darlle continuidade pola vía da coalición, continuando o traballo anterior apresentando iniciativas e mantendo unha constante relación cos sectores produtivos e sociais de Galiza, porque a crise tampouco frea e a xente precisa respostas. A voz propia do noso país trasladada sen complexos en defendela, nin mandatos imperativos, nin votos de conveniencia. Ademais, esa presenza implica que exista unha real interlocución ante as institucións europeas de calquera colectivo que queira facer escoitar as súas demandas en Bruxelas. Nunha palabra, faremos visíbel a Galiza e a súa lingua en Europa. Sen o BNG, Galiza non existiu nin se tivo en conta de xeito positivo nas decisións comunitarias, asi que traballaremos a fondo para enmendalas ou paralizalas cando vaian contra os nosos intereses.
Como dixen nalgún mitin, vimos ao Parlamento Europeo coa forza de todo un pobo, co compromiso, coa experiencia, iniciando unha nova etapa, erguendo de novo a bandeira azul e branca de Cabanillas, de Castelao, de Suárez Picallo, de todas e todos vós, e aqui en Bruxelas e Estrasburgo traémola, para unirlle ás estrelas da bandeira europea, á nosa, a estrela vermella da militancia do BNG, que vai estar desta volta representada no binomio Galiza-Europa, eses dous nomes de muller, por unha delas, unha das vosas, coa responsabilidade que sempre caracteriza o BNG, a representar todas as galegas e galegos. Vindes?