PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
Tres visións da crise no BNG
O nacionalismo no taller de reparacións

Xan Carballa Tres analistas políticos opinan sobre a crise do BNG que acumula sucesivos descensos electorais, nun momento de cambio xeracional e de descreto das ideas que proveñen da periferia.

Reloxo 27.06.2009 | 08:01

Garido Couceiro,Xosé Manuel González e Manuel Martínez Barreiro Garido Couceiro,Xosé Manuel González e Manuel Martínez Barreiro

O descenso nos apoios electorais ao BNG desde as autonómicas de 2001, culminou consecutivamente o 1 de marzo e o 7 de xuño pasados coa perda do poder compartido co PSdG-PSOE no goberno autonómico e descender por baixo do 10% nunha sempre peculiar convocatoria europea, ambas e dúas en plena treboada da crise económica.

O profesor Xosé Manuel González (Lugo, 1954), veterano militante nacionalista da xeración ERGA, habitual cos seus artigos nas páxinas de Xornal de Galicia, non agacha a palabra crise á hora de falar da situación do nacionalismo, “en 2001 a sociedade percibiu que o BNG non daba máis e tal como presentaba a súa alternativa decidiu non darlle máis confianza. Agora o máis relevante é que está nunha encrucillada. Non me gustan expresións como situación pre-comatosa pero si que precisa grandes cambios. Hai unha crise xeneracional, de desadaptación á sociedade e desconfianza de sectores que outrora o apoiaron. Entre 1996 chegouse a conseguir unha incidencia grande na sociedade foi o momento cimeiro, con apoios que en cidades como Vigo rondaron o 30%. Hoxe unha parte da sociedade non sinte cerca o BNG, veno desfasado, en parte polo proxecto e en parte por como chega, no aspecto icónico e nas persoas que o representan”.

Manuel Martínez Barreiro (Caracas, 1961) exerceu responsabilidades na Vicepresidencia da Xunta, e como analista político é asidua a súa presenza en múltiples foros. Recentemente inaugurou o blog Caderno de Paso no diario dixital de A Nosa Terra. Barreiro pensa que internamente a actual etapa é de transición, con debates por realizar pendentes, “o BNG está agora sen un liderado consolidado, ten unha dirección colexiada cun primus inter pares, unha especie de rexencia á espera dun liderado. Iso é malo porque impide unha interlocucion coa socidedade máis clara. E aínda que o semellara nunca tivemos líderes plenipotenciarios como noutras organizacións políticas. Non digo que haxa que telos, pero a relación dos líderes do BNG coa sociedade estaba limitada por contrapesos internos moi fortes”.

Tamén sinala Barreiro que ao BNG falloulle a reflexión sobre a estratexia, “o BNG do goberno foi sinalado como incapaz de fidelizar o electorado e de chegar a nova xente, pero non se elaborou ningunha estratexia definida. Hai moitas cousas enriba da mesa, porque a gobernabilidade de Galiza pasa, ben polo PP ou por algunha caste de acordo entre o PSdeG e o BNG. Pero non se teoriza nin se traballa para facer máis favorábel a posición nacionalista nesa estratexia. Hai que saber como nutrimos ideoloxicamente iso, como recuperamos a iniciativa perdida”.

Pola súa banda o sindicalista e investigador Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965) teima en entender a importancia do contexto adverso co nacionalismo, “onde PP e PSOE traballan en impoñer un bipartidismo que lles tire a dependencia de calquer opción nacionalista para chegar á Moncloa. Velaí os casos de Navarra e Euskadi, onde se poñen de acordo, ou a ferocidade con Cataluña. Todo isto tamén inflúe sobre o nacionalismo galego. As crises de crecemento tamén se pagan. O medre continuado dunha época non se correspondeu cunha asunción ideolóxica do que é nacionalismo. E as indefnicións pasan factura. Aínda que a grandes trazos as liñas foron adecuadas había que telas explicado mellor. A sociedade mudou, o ambiente foi hostil e pagámolo pero non quero botarlle a culpa aos de fóra”

Organización feble

Con moitos matices os tres coinciden en que o BNG é unha organziación pequena e cunha limitada capacidade de resposta, condicionada desde 1999 coa asunción de novas responsabilidades de poder, que a fixo pasar dunha organización de resistencia e oposición a ter que combinalo cunha xestión política que é escrutada electoralmente de continuo tamén polos seus resultados.

Garrido fala disto cos ollos postos nas últimas autonómicas, “pensamos que os outros, como non tiñan bo cartel, candidato e discurso xa non ían gañar. Pero gañou quen tiña mellor organización, o PP. E tampouco no discurso afinamos, porque esa idea de que somos a organización da xente resúltame simple e sen contido. A maiores, temos pouco resistencia cando se fan contra nós campañas rastreiras como as que sofrimos. O PP non tiña un bo candidato pero demostrou ter un aparello moi potente, tamén porque está apoiado por importantes poderes fácticos da sociedade. Pero o BNG ten que socialmente crear estruturas que funcionen coordinadamente co nacionalismo, igual que funcionan as do PP ou as do PSOE. E non as temos nin ben coordinadas nin engraxadas e ás veces algunhas serven a estatrexias antinacionalistas. Non sei se estarán moi satisfeitos os que estiveron facendo múltiples campañas contra o bipartito. Para min o grave é o ambiente anti-organización política que se foi xerando nestes anos, que tamén se vive ás veces cando se erguen amplos movementos sociais”.

Xosé Manuel González detecta un problema de cultura política e de necesidade de cambio xeracional, tamén de medo a abrir o BNG e aumentar en afiliados e militantes, “pertenzo a unha xeración, a da década dos 50/60 que viviu a efervescencia das grandes teorizacións, desde Beiras e O atraso económico de Galicia ás elaboracións da UPG e o PSG que tiñan unha grande intuición e levaron a crear organizacións de masas con grande incidencia social. Pero agora a proposta do nacionalismo non pode ser a resistencia, é un fallo clamoroso. É fundamental a renovación xeneracional. É o momento da xeneración dos 60 e espero que a próxima asamblea nacional sexa quen de darlles paso. O BNG ten que dirixirse á sociedade non como forza de resistencia, senón como forza potencial de goberno, e iso ten que verse na mensaxe, no programa, na linguaxe icónica e nas persoas representativas, que deben aparecer en positivo e capaces de ofensiva politica, non defensivas e resistenciais. Persoas xoviais, amábeis, pero que apretan os dentes cando se ofende ao país”.

Máis apertura á sociedade

Unha necesidade de presenza ampliada na sociedade tamén sinalada por Manuel Martínez Barreiro, mesmo pensando en futuras convocatorias electorais, “poñer sempre a cuestión identitaria en primeiro plano opaca outras problemáticas que teñen moita audiencia e nas que moita xente se inicia na acción política. Desde o goberno intentouse unha estratexia do nacionalismo de proximidade que quería salvar esa distancia. En todo caso segue sendo un desafío permanente, a maiores de que pensemos se o modelo organizativo é adecuado aos tempos. A última asemblea do BNG, polas circunstancias saídas da derrota, deixou estas cuestións aparcadas para unha vindeira asamblea. O nacionalismo ten unha grande presenza social, pero tamén está ausente por completo de moitos espazos da sociedade civil, espazos con menor actividade política pero arredor do cal unha grande parte das persoas establece o seu marco de sociabilidade, e ahí só se escoitan as voces do PP e do PSOE. Falo desde clubes deportivos a asociacións de todo tipo, a asociacións de pais, etc. O BNG concéntrase máis no sindical ou organización viciñal e outros xa máis politizados, pero noutros ámbitos está ausente ou con moi poucos afiliados e militantes”.

Barreiro fala dunha “organización máis ampla se queremos contrarrestar a presenza do PP. Candidaturas baixo a siglas nacionalistas pero cun amplísimo espectro cidadán. Temos que facer ver que somos un lugar de encontro de persoas cunha certa idea do país, da normalización da lingua e a cultura, de posicións avanzadas en dereitos democráticos, na defensa do medio ambiente, que presta acollida para facer unha política nova. Abrirse á pluralidade é fundamental”.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río