
Somos moitos os preocupados polo que a maioría gobernante poida facer coa nosa lingua, o galego, o maior patrimonio colectivo que tras moitos avatares chegou vivo até hoxe.
Preocúpanos en concreto que se queira ligar o futuro do noso idioma á sorte dunha enquisa que ninguén con sentido demandou. Á maioría dos pais preocúpalles a aprendizaxe dos seus fillos e non a lingua vehicular. Non confundamos cunha enquisa que inventa un problema que non existe. E non saquemos conclusións despois de analizadas as respostas dun cuestionario improvisado tramitado nun clima de desinformación e confusión.
Por interese de país, agardemos que Alberto Núñez Feixóo non sexa recordado por isto. A enquisa, por desacertada que nos pareza, é xa un feito; agora o importante é o valor que se lle dea, que coas garantías coas que se aborda non debe ser ningún. A continuación que cada quen cumpra co seu: os nenos teñen dereito á educación e os poderes públicos a obriga de garantir ese dereito. Pero é que tamén deben garantir a obriga de coñecer o galego como lingua propia e o castelán como lingua do Estado.
A planificación do ensino correspóndelles aos poderes públicos –os pais non deciden o que se estuda–, que son os que de acordo coas leis deciden non só o qué senón o cómo, e nisto último entra o idioma.
Os expertos aconsellan que as crianzas asimilen dende a nenez dúas linguas –sen traumas de ‘inmersión’. A experiencia dinos tamén que o uso do galego en materias como ciencias ou matemáticas non vai en detrimento do seu coñecemento.
Demostremos sentido común. A lingua non debe ser tema de disputa. Debe recuperarse o consenso da Lei de Normalización e aceptar que o galego é de todos.
Descargar Tarifas