Redacción . Ademais de cualificar a pedofilia como un 'crime terríbel', o cardeal prefecto da Congregación para o Clero do Vaticano, o brasileiro Claudio Hummes, admitiu que o 4 por cento dos sacerdotes son pedófilos.
Nunha entrevista concedida á revista Vida Nueva, Hummes sinala que a pedofilia “é un crime terríbel ante o que a Igrexa non pode pechar os ollos”. “Non hai sitio no ministerio sacerdotal para as persoas que cometeron estes crimes”, engade.
Hummes recoñece que o 4 por cento dos curas son pedófilos. Así, tendo en conta que en todo o mundo hai ao redor de medio millón de sacerdotes, os cálculos do cardeal brasileiro darían como resultado uns 20.000 curas implicados.
Ante a pedofilia, Hummes avoga por castigar os culpábeis “coas leis civís e coas canónicas”. Ademais, subliña que a Igrexa “debe reaccionar” para non permitir que “esta sexa a imaxe do sacerdote católico, formada cun preconcepto negativo moi forte que humilla e fere a inmensa maioría dos sacerdotes”.
Descargar Tarifas