PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
BLOG ALBERTE MONTES
Alberte
Montes
Actor
Alá foi a noite máis curta e quente do ano
San Xoán!! Marchade malos espíritos, marchade e pechade por fóra
Noite máxica din algúns, única, purificadora, intensa... Resumindo, escusas todas para botar uns litros e uns bailes descoordinados na praia até as mil. Un bo plan, si señor. Pero ademais da pura festa e borracheira (que se pode dar calquera outro finde de verán) existen outras tradicións que fan tan especial esta noite. Nalgúns sitios sardiñada e noutros como aquí en Catalunya, o pracer de ver estourar foguetes así porque si.
 26.06.2009 | 09:54

Fogueiras de San Xoán Fogueiras de San Xoán. Xosé Marra

Do peixe non son eu moi amigo, a verdade sexa dita. Meu pai di que é por non lle “espurrucar” as espiñas, por vagancia, vamos. Mentira, porque por esa regra de tres, tampouco tería paciencia para abrir as latas de zamburiñas... e máis ábroas. Iso é o que fago eu, cando na casa o resto de comensais arranca con peixes do estilo dourada, rabada, bacallau... Eu por acompañar, abro unha lata de berberechos, mexillóns... peixe do meu.

Por outra banda, de bombas, foguetes e petardos nunca fun eu tampouco. Máis de adolescente, si fun de petardas, de petardas.com, pero diso xa hai anos eh!! Estamos falando de igual hai... ano e medio fácil, pero fácil. Si lembro de neno subir ao terrado da casa con meu pai (facíalle máis ilusión a el que a min) a tirar catro bombas e a ter man como un parvo das minibengalas que o vello (con cariño) mercaba na praza do barrio.

Co paso dos anos, aínda gardaba reticencia, reticencia non, que carallo, odio, odio polos foguetes. Pero aprendín a agochar ese sentimento na festa de praia: música, bebida de alta graduación, baile desacompasado e por último fortes desexos de entrar no mar en bólas... e cando digo en bólas quero dicir, espido. Porque aquí, a festa de San Xoán é equiparábel á festa de fin de ano. Si, de feito hai o mesmo numero de pelexas polas rúas... o “mismito”. Por iso nesta ocasión, aproveitando a miña situación de mobilidade reducida (si, sigo cun xeso no pé), decidín quedar na casa para celebrar a festa en familia, con meus pais, vaia, como cando tiña dez anos. Sucedeu unha situación estraña, como eses venres nos que, polo que sexa non queres saír, e túa nai pregunta: "Estás ben? Tes febre?... Logo como non saes hoxe... pelexaches con algún amigo".

Nesta ocasión a escusa da perna era máis que suficiente para entender a miña ausencia nas festas multitudinarias do Mediterráneo. Pero de telo sabido, marcho correndo a rebozar a escaiola nas areas da Barceloneta. Sabes esa fin de ano no que andas medio constipado con febre e non podes saír e veste obrigado a quedar cos pais e cos tíos? E a aguantalos! Nunca vos pasou? Que sorte tedes caralláns! Esa é a situación que vivía eu, mentres vía a miña nai saltando unha improvisada, pero moi improvisada fogueira na cociña da casa. Miña nai e desas que se deixa levar moito polas supersticións. Pero moito, tanto como que se as supersticións a levan a queimar unha man de xornais nunha pota do caldo e saltar por enriba deles… ela vai e faino (en fin de ano non falta a cita co seu tanga vermello). E non só iso, senón que obriga o seu home (meu pai) e seu fillo (un servidor) a seguila en tal absurda acción. Meu pai, operado das dúas cadeiras máis eu, con rotura de metatarsiano a medio soldar, saltando a fogueira da cociña mentres a patroa berraba: “Marchade malos espíritos, marchade malos espíritos”. Non sei se os malos espíritos marcharán, pero vendo a escena, se chegaban nese mesmo intre, entrar, xa non entran, dígocho eu.

Agora o apuntamento musical como vén sendo habitual. Nesta ocasión, sorpréndeme unha nova que me deixa abraiado, a piques de subir este post. Musicalmente non o seguín moito, certamente. O que si que seguín foron os seus pasos, sobre todo os do mítico “Moon walk”. Cantas mañas de recreo pasaría tentando pasar para atrás como o gran Michael Jackson. Co doado que era ir xogar ao fútbol como o resto. Palma un rei e tiña que ser o do pop.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río