PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG MANUEL M. BARREIRO
Manuel
M.Barreiro
Comentarista político
Patrocinadores e padriños
A fábrica de liderados
Sen siglas, sen ataduras, sen promotores, sen débedas co pasado, sen ningunha toma á terra... O noso quinto presidente gusta de presentarse como o barón rampante que fabulou Italo Calvino, nada o vencella ás paixóns, intereses ou comenencias da política ou dos negocios terreais. No debate da súa investidura, foi rotundo: 'Eu non teño patrocinadores'.
 26.06.2009 | 10:03

Padriños Padriños. Manuel M. Barreiro

Alberte Núñez Feixóo iniciou a semana cunha conferencia no Foro ABC. O evento serviu como punto de encontro da familia popular. A cronista social de ABC estivo esperta: "Todos os padriños políticos de Núñez Feixóo, desde Romai Beccaría a Raxoi, pasando por Álvarez Cascos e Fraga, acompañaron onte o presidente da Xunta na súa intervención no Foro de ABC." Feixóo, un político que se fixo a si mesmo?

Millonarios ou lobbistas

Hai xa case dúas décadas que o politicólogo Gianfranco Pasquino reparou na fasquía das novas "figuras políticas" emerxentes co acusado devalo e descreto dos partidos tradicionais que contribuíu a arrumbar os "notábeis" nun curruncho, ao tempo que se eclipsaban os managers ou burócratas partidarios. Entre os daquela aínda políticos outsider, Pasquino salientou dous: o "político millonario" e o "político lobbista".

A crise dos partidos, como estruturas de participación cidadá, e o impacto dos media e da videopolítica engordan como nunca os novos liderados e o diñeiro tórnase no medio fundamental para triunfar na competición política. Resúmeo ben o politicólogo italiano: "A nova figura política é unha de dúas: ou ben amateur, se é millonario; ou ben lobbista, se non o é. O primeiro poderá comprar o acceso aos media; ao segundo compraranllo os seus grupos de apoio". Entre as emerxentes e consolidadas figuras de dereitas en Europa, e no mundo enteiro, sobrancean así "afeccionados millonarios" e "tecnócratas lobbistas".

Notábeis e padriños

O padriño é á política o que os patrocinadores aos negocios. Patrocinadores non lle faltaron a Feixóo; e, dado que non é millonario, non lle vai ser doado non acabar sendo un político lobbista. O trato de favor dispensado por Citröen, as xubilosas celebracións no polígono de Sabón na noite electoral ou a enerxética aperta na que se fundiu con presidente de Iberdrola no Obradoiro no día da súa toma de posesión, sinalan unha ruta de farangullas que, inevitabelmente, conducen á bola de pan e aos seus auténticos donos. Mais toca falar de padriños que non de patrocinadores.

A dereita galaica proveuse tradicionalmente de notábeis e de empresarios políticos. Os primeiros, herdados maioritarios dos círculos de poder da ditadura; os segundos, animados polas novas oportunidades que brindaba a democratización da política para ensanchar a súa influencia, proxección social e poder esteado en exitosos negocios. Sen falar de Manuel Fraga, Xosé Manuel Romai Beccaría é prototípico do primeiro modelo e o xa finado Euloxio Gómez Franqueira, un dos máis requintados expoñentes dos nosos "empresarios políticos".

Feixóo iniciou a súa carreira política á sombra do "notábel" Romai Beccaría, con el saíronlle os dentes na administración e co seu apoio estreouse como vicepresidente e conselleiro tras a caída de Xosé Cuíña. A titoría de Romai é determinante na súa biografía política. Entre os nosos, poucos tecnoconservadores gozaron de tan influente e agarimoso apadriñamento que lle abriu a porta dos círculos de poder no Aznarato. A elección de Feixóo como presidente do Partido Popular de Galicia non sería posíbel sen a beizón da autoridade central do PP debida, máis que nada, aos bos labores de intermediación patrocinados por Beccaría.

Apadriñado apadrinador

Aínda que ninguén lle nega a súa condición de "ben nacido, agradecido", Alberte Núñez Feixóo non acudiu ao Foro ABC como apradiñado senón como apadriñador. Investido con novos poderes como gobernador de Galiza, ante o deterioro político da lideresa da Comunidade de Madrid e do ben vestido sátrapa da Comunidade Valenciana, Núñez Feixóo pode exercer como un todopoderoso padriño e achegar unha mellor imaxe do Partido Popular gobernante. Un complemento de luxo para as aspiracións presidenciais de Mariano Raxoi.

Iso e máis. Se Raxoi volve extraviarse no camiño á Moncloa, xa son moitos os que pensan en Núñez Feixóo como salvífico relevo, aínda que el modestamente o desestime. Déixouno claro Andreu Buenafuente: "Feixóo é un home do Partido Popular que sabe gañar eleccións". E o seu antigo padriño Mariano aínda está por ver.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río