Redacción . A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística reuniuse na mañá deste xoves co conselleiro de Educación, ao que lle achegaron un decálogo de propostas.
Os ENL salientaron a súa "preocupación" e "malestar" con respecto á situación do galego no ensino. "Esta polémica é moi negativa para a convivencia nos centros, e polo tanto para a educación en xeral e para a lingua en particular", indican. Na reunión que mantiveron co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, sinalaron a necesidade de que se lles permita participar na elaboración de "calquera documento que lexisle o uso das linguas no ensino". O decálogo Achegáronlle tamén un decálogo de propostas, en que a primeira explicita que o marco lexislativo educativo "ten que evitar a confrontación na comunidade escolar". A segunda norma está ben clara tamén: "O alumnado non pode ser segregado por razón de lingua". En terceiro lugar, "débese garantir a presenza do galego no ensino ao 50% como mínimo", para poder acadar a mesma competencia nas dúas linguas cooficiais. "Só así o alumnado poderá escoller en liberdade", indican. Logo destas premisas básicas, enumeran unha serie de medidas: a cuarta ten que ver coa elaboración de "materiais didácticos, de calidade e actualizados, en lingua galega para todas as materias e todos os ciclos educativos, que suplan as carencias existentes", e a quinta, cos recursos humanos: "Hai que ofrecerlle ao profesorado cursos de reciclaxe e capacitación en lingua galega; para isto é imprescindíbel contar cun programa previo de formación de formadores". A sexta lembra que cada centro debe seguir elaborando o seu Proxecto lingüístico, "que é a base para que os ENDL desenvolvan as súas funcións unha vez analizada a situación sociolingüística do centro". A oitava norma ten relación cos propios Equipos de Normalización e Dinamización: advirten da necesidade de implementar programas de formación en dinamización lingüística para o profesorado interesado, de potenciar as coordinacións intercentros, e de que se consoliden as funcións das coordinadoras provinciais dependentes da DXPL.
Aula dun instituto.
A sétima ten que ver co decreto de Educación Infantil: lembran que nesta etapa débese garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento das dúas linguas oficiais, "tendo en conta que a lingua minorizada precisa de maior reforzo", e propoñen que se avalíen os resultados das liñas de galego en infantil de cara a manter este programa. "Os informes elaborados nestes centros valoran moi positivamente estes proxectos, xa que permitiron conseguir que todo o alumnado adquirise a competencia nas dúas linguas oficiais, fose cal fose a lingua inicial dos rapaces e rapazas", salientan.
A novena insta á administración a "realizar campañas efectivas de dignificación da lingua", que comecen polo propio goberno da Xunta. E por último, advirten de que lles parece inadecuado que a enquisa sexa a base dun decreto novo. "Esta consulta, tal e como foi realizada, non pode ter ese peso nunha lexislación educativa. En cambio, débense ter en conta conta os diferentes datos sociolingüísticos existentes tirados de estudos elaborados con rigorosidade (MSG, IGE), así como os diferentes Proxectos Sociolingüísticos de Centro realizados nos últimos anos".
Descargar Tarifas