Razoar sobre os impulsos, en boa medida primarios, que levan ao conservadorismo ou glorifican o enxebrismo patrioteiro en tempos de crise, sería longo e complicado. Pero a historia, e o incremento da dereita ultra nas recentes eleccións europeas, confirman a hipótese. As consignas son: orde, seguridade, ultranacionalismo e racismo. Remexan e elaborarán o cóctel fascista. Un paradigma desta deriva é o partido Jobbik (Movemento por unha Hungría Mellor) liderado pola avogada Krisztina Morvai que obtén o 15% dos votos, consegue dous escanos en Estrasburgo e se consolida como a terceira forza no seu país. O seu lema é: defensa da terra e autonomía maxiar. Existen minorías maxiares en Serbia, Romanía e Eslovaquia. A súa defensa ultramontana do nós, leva á condena dos outros. Os xudeus húngaros xa protestaron polo seu discurso xenófobo. Aínda lembran como foron aniquilados nese país durante o Holocausto. Pero agora non son eles o albo do odio. É a comunidade xitana, que tamén os acompañara nos campos de concentración nazis. Hai medio millón en Hungría e foron asasinados catro ultimamente. O Jobbik ten unha Garda Húngara, unha milicia urbana paramilitar que mete medo e desfila polas rúas e os arrabaldes romanís. A etnia xitana segue excluída en Europa e perseguida nalgúns Estados, como Italia. Este feito permite unha acusación. Nega por si mesmo que a UE sexa considerada democrática. Mentres nos EE UU integraron a negritude, ata o punto de elevar un negro á Casa Branca, Europa mantén durante séculos un racismo contra a etnia xitana que lonxe de diminuír se incrementa.