Europa Press . O colectivo de profesorado Universidade Aberta (UA) acusou o equipo reitoral de 'falta de representatividade e lexitimidade' á fronte do goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC), polo que lle reclamou que se someta a unha moción de confianza ou adiante a convocatoria de eleccións. O reitor, Senén Barro, non quixo facer declaracións.
Senén Barro, reitor da USC.
O portavoz de UA, Elías Torres, denunciou, así, a situación de "parálise" que, ao seu xuízo, provoca a Plataforma Universitaria Progresista –que preside Senén Barro–. Con este grupo, UA gobernou até hai uns meses, tras presentar unha candidatura conxunta nos últimos comicios ao claustro, celebrados o 10 de maio de 2006.
Mediante a lectura dunha declaración, Torres censurou, en nome de UA, aspectos como a "modificación de criterios" nos procesos de selección do profesorado e o proceso "cada vez máis confuso e complicado" de integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EES).
Ademais, asegurou que o equipo reitoral é "incapaz" á hora de tomar decisións, o que exemplificou coa "parálise" na "necesaria modificación" do sistema de financiamento. Así, urxiu o adiantamento da convocatoria de eleccións.
Data e candidato
En canto á data, asumiu que os comicios "non se poden celebrar en período non lectivo" e "tampouco en outubro", xa que os censos dos estudantes aínda non están culminados ao comezo do curso. Por iso, considerou que "o primeiro día" en que se teña a garantía de que os censos están listos "deberían convocarse eleccións".
"Neste momento (Lourenzo) Fernández Prieto é o candidato a reitor que se elixiu para as eleccións de 2006", indicou, preguntado pola posibilidade de renovación neste posto.
A este respecto, explicou que a "saída" do equipo reitor por parte do profesor da facultade de Xeografía e Historia debeuse a "a necesidade de articular" a nova candidatura, que abarcará "aínda un espectro ideolóxico maior", engadiu.
Sobre isto, incidiu na idea de universidade "cada vez máis ampla" na que traballa UA, para eliminar "o sectarismo" e "integrar todas as sensibilidades posibles". "Somos un colectivo de persoas que non aspira ao monopolio, senón a atoparse con outras persoas", apostilou.
Renovación
Para Torres, o sistema de plataformas "tiña certo sentido nos anos 80 e 90", pero "xa está superado", pois na actualidade existe unha diversidade e un pluralismo "moito maiores".
Neste sentido, o portavoz de UA fixo fincapé na importancia de que as estruturas e formas de goberno da USC "se renoven" para adaptarse aos cambios experimentados ao longo de 25 anos de historia.
"Debemos erradicar definitivamente solucións anticuadas e a perpetuación de formas de actuar que non se corresponden co obxectivo", algo que fixou na "mellora da docencia, a investigación e o emprendemento".
Descargar Tarifas