PUBLICIDADE
Martes, 16 de marzo de 2010
A policía fere unha veciña allea á folga
Carga contra os obreiros do metal diante de Citroën

Redacción .  Os antidisturbios da Policía que formaban un cordón nas proximidades da factoría de Citroën en Vigo volveron cargar contra os manifestantes con pelotas de goma cando os folguistas do sector do metal, que lles guindaron pedras aos axentes, pretendían bloquear o acceso á planta automobilística.

Reloxo 25.06.2009 | 14:45

Folga do Metal en Vigo Folga do Metal en Vigo. Carlos Fernández/AGN Minutos antes das 14.00 horas, cando os folguistas levaban unha hora concentrados, produciuse unha primeira carga policial na confluencia da rúa Olímpicos e Manuel de Castro, que se saldou co lanzamento de pelotas de goma por parte dos axentes, unha das que impactou contra unha muller, que se queixaba de dor na zona dunha coxa e que se resgardou nun portal.

Os axentes que ían a pé entraron, posteriormente, nos seus respectivos furgóns para emprender a marcha por diversas rúas da contorna de Citroën co obxectivo de intentar disolver os distintos grupos de piquetes que permanecían na zona da factoría, entre elas as citadas rúas Olímpicos e Manuel de Castro e tamén a rúa Fragoso, onde se produciron novas cargas.

Sobre as 14.15 horas, a situación xa volvera á calma, aínda que en toda a zona continuaba a presenza policial. Como resultado dos distintos enfrontamentos, podíanse ver colectores envorcados na calzada e pedras. Posteriormente, os folguistas volvéronse reunir para celebrar unha asemblea e levantar a concentración fronte a Citroën, pero decidiron emprender a marcha até o estaleiro Barreiras.

Incremento da tensión

A concentración de folguistas do sector do metal ante a factoría de Citroën en Vigo derivou en enfrontamentos entre ambas as partes ao ir incrementándose a tensión entre os piquetes que intentaban bloquear o acceso á factoría e as forzas de seguridade despregadas na zona para garantir o acceso dos traballadores.

Tras mobilizarse polas principais rúas de Vigo e cortar o tráfico ao seu paso, os folguistas chegaron sobre as 13.00 horas á zona de Balaídos, onde se sitúa a planta de Citroën, pero se atoparon cun amplo cordón policial despregado para preservar o paso dos traballadores que pretendían acudir aos seus postos.

A tensión entre policía e manifestantes arrincou no momento no que un adulto acompañado de dous menores en bicicletas pretenderon atravesar o cordón policial, pero se lles impediu, o que orixinou protestas dos traballadores do metal, que increparon os axentes.

Diversas paradas

Os piquetes desprazáronse até Citroën tras intentar impedir o acceso de traballadores tamén a Metalships, no barrio vigués de Teis, onde xa se rexistraron os primeiros enfrontamentos entre folguistas e antidisturbios que intentaba facilitar o acceso dos traballadores ao estaleiro. Posteriormente, tamén celebraron unha asemblea no estaleiro Barreiras, na zona de Beiramar.

A policía xa tivo que actuar de madrugada en Citroën, onde varios piquetes intentaron impedir, entre as catro e as cinco da madrugada, o acceso dos traballadores. Segundo a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Policía interveu para facilitar o dereito ao traballo, pero non houbo carga e non se empregaron elementos disuasorios.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río